O BNG demanda unha campaña informativa sobre axudas no Camiño Inglés

O BNG demanda unha campaña informativa sobre axudas no Camiño Inglés

O BNG demanda que o Concello poña en marcha unha campaña para informar ás persoas que potencialmente poden beneficiarse das axudas da Xunta para rehabilitación de vivendas ubicadas no trazado do Camiño Inglés a Santiago, que atravesa distintos lugares das parroquias de Rutis, O Burgo e Almeiras.

O 28 de decembro de 2015 publicouse a Orde da Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta pola que se abre o prazo para solicitar a participación en actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e se establecen as bases reguladoras das subvencións dese programa.

Dende o BNG-Asembleas Abertas de Culleredo comprobouse como esta convocatoria de axudas é descoñecida por numerosas persoas que potencialmente poderían acollerse a elas, mentres o Concello limitouse a pór uns folletos informativos na entrada da Casa do Concello entre outra moita publicidade variada, folletos facilitados pola Xunta de xeito xenérico, sen que se teña feito ningunha outra acción específica a súa difusión.

Por esta razón Tono Chouciño ven de rexistrar unha solicitude para a realización dunha campaña informativa, cando menos nas parroquias e lugares por onde transcorre o trazado do Camiño Inglés.

"Demandamos que o Concello informe á veciñanza desta convocatoria de axudas á rehabilitación de edificios e vivendas, aclarando as súas dúbidas e facilitándolle no posíbel as xestións, pois consideramos que é unha extraordinaria ocasión para recuperar e pór en valor parte do noso patrimonio e do noso Concello, contribuíndo tamén a mellorar no posíbel as condicións de vida dos nosos veciños e veciñas"

O BNG demanda unha campaña informativa sobre axudas no Camiño Inglés