O BNG apoia as demandas do Consello Escolar

O BNG apoia as demandas do Consello Escolar

20160419_182642[1] rdxO pasado 29 de marzo o Consello Escolar Municipal, órgano colexiado de carácter consultivo constituído por representantes de todos os sectores da comunidade educativa, acordou por unanimidade solicitar a elaboración e publicación do Mapa Educativo de Culleredo.

Esta decisión basease na carencia dunha previsión a medio e longo prazo do tipo de estudos que se han de desenvolver nos distintos centros do noso Concello, que está na orixe, segundo Tono Chouciño, "dos continuos cambios en función do que se lle ocorre ao responsábel de turno, que provocan confusión sobre as etapas de ESO e Bacharelato e carencias na planificación para a correcta atención do alumnado de Culleredo"

O voceiro nacionalista expresou o apoio do BNG ás demandas de ampliación da oferta educativa en FP, ciclos medios e superiores, Bacharelato e estudos para adultos, así como o aproveitamento axeitado das instalacións do IES Universiade Laboral.

Tono Chouciño lembrou que a semana pasada se constituíu o Consello Sectorial de Educación, a demanda do BNG, órgano onde ademais da comunidade escolar están representadas as entidades veciñais, e nel acordouse formar un grupo de traballo para avanzar no estudo e elaboración destas demandas de cara á súa incorporación aos orzamentos do ano 2017, "nos que as distintas administracións comezarán a traballar en breve, de aí a urxencia da súa convocatoria".