O BNG de Culleredo apoia as demandas veciñais sobre o Aeroporto de Albedro

Terminal do Aeroporto desde O Bosque
Terminal do Aeroporto desde O Bosque

É preciso aclarar a totalidade das afeccións resultantes do proxecto presentado para o novo Plan Director do Aeroporto de Albedro.

O estudio non contempla necesidades operativas que xustifiquen medidas lesivas para a veciñanza de Culleredo, máis alá de melloras na operatividade dentro das instalacións xa existentes e da seguridade do conxunto do aeroporto e a súa zona de influencia.

A intervención da persoa que presentaron como "técnico" na reunión coa veciñanza só serviu para xerar dúbidas sobre o asesoramento buscado polo Goberno Municipal.

Perante o evidente interese veciñal, o BNG demanda que as vindeiras reunións teñan lugar nunha instalación con máis aforo, que ben podía ser o Auditorio da Universidade Laboral.

O BNG de Culleredo apoia as demandas veciñais sobre o Aeroporto de Albedro

O BNG de Culleredo apoia as demandas veciñais perante o proxecto de novo Plan Director do Aeroporto de Albedro. O Plan non recolle necesidades operativas que xustifiquen intervencións lesivas para a veciñanza de Culleredo. 

Considera necesario aclarar a totalidade das afeccións resultantes do proxecto presentado, xa que a intervención da persoa que presentaron como "técnico" na reunión coa veciñanza só serviu para xerar dúbidas sobre o asesoramento buscado polo Goberno Municipal. Esta persoa baseou a súa intervención nun par de diapositivas extraídas do proxecto, manifestando non ter aínda estudado o impacto da pegada sonora.

O estudo presentado non contempla necesidades operativas que xustifiquen as modificacións que recomenda, máis alá da creación dunha nova plataforma e dunha terminal para avións privados do lado contrario á terminal actual, na zona de Albedro e Liñares.

O Voceiro nacionalista, Tono Chouciño, manifestou que serían entendíbles melloras en materia de seguridade, por tanto "sorpréndenos que sexa o propio proxecto o que aprace e mesmo rexeite actuacións neste eido en base a criterios económicos, a pesar de ser derivadas de normativas europeas".

Para o representante do BNG é preciso mellorar a eficiencia e os servizos ofertados polos aeroportos galegos, reducindo as afeccións á cidadanía, coa elaboración dun estudo exhaustivo do conxunto do Sistema Aeroportuario Galego.

Á vista do evidente interese veciñal, que fixo que o salón de plenos do Concello quedara pequeno, o BNG proporá que as vindeiras xuntanzas se celebren no Auditorio da Universidade Laboral, e pide ao Alcalde que se tome esta cuestión coa seriedade que merece.