O BNG leva á fiscalia as prórrogas do contrato da auga

O BNG leva á fiscalia as prórrogas do contrato da auga

índiceO voceiro do BNG-Asembleas Abertas, Tono Chouciño, presentou escrito ante a Fiscalía coas irregularidades detectadas nas prórrogas do Contrato de Abastecemento de Auga Potábel en Culleredo, dende que foi prorrogado en xuño de 2014 polo goberno local en contra dos informes da Intervención e da Secretaría municipais por non axustarse á legalidade.

Tono Chouciño lembrou que na actualidade o servizo leva a prestarse case un ano sen contrato, unha vez rematada esa prórroga, e que Pleno aprobou o prego da nova contratación cos votos a favor tan só do grupo de goberno, votando o BNG en contra porque, malia á introdución de importantes melloras nos mesmos, aínda sen chegar á remunicipalización que demandaba o BNG, segue sen estar claro que as cláusulas económicas, aínda cumprindo os requisitos legais, sexan as máis beneficiosas posíbeis para as nosas veciñas e veciños.

O voceiro nacionalista lamentou co xeito de actuar ao que está acostumbrado o Goberno Municipal, "despois de tantos anos no goberno parécelles que teñen carta branca para facer e desfacer ao seu antollo, sen importar os límites legais e sen que existan uns veciños e veciñas para os que traballan e a quen deben un respecto e unhas explicacións", e reiterou o seu compromiso coa depuración de responsabilidades en casos de mala xestión municipal.