Solicitude de informe sobre a afectación do Proxecto de ampliación do Casino a parcelas públicas ou comunais
Este xoves reiteraremos no Pleno a solicitude de apertura dun expediente de comprobación sobre a afectación do "Plan de equipamentos en solo rústico do Casino da Coruña" a propiedades municipais ou en man común.
Esta solicitude foi denegada polo Goberno Municipal nas Comisións Informativas da semana pasada. Para presentala ao Pleno contouse co apoio de concelleiros de Alternativa dos Veciños, Marea Veciñal e da concelleira non adscrita
Xa no 1901 hai constancia de "montes de los pueblos" na Zapateira. No ano 1958 a parcela ocupada actualmente polo Casino aínda constaba no Catastro a nome do Estado.
As probas documentais atopadas, xunto coas testemuñas recollidas, son indicios suficientes como para que o Concello realice as pesquisas pertinentes e actúe despois en consecuencia.
O BNG solicita un informe sobre a posible afectación do proxecto do Casino a propiedades municipais
O BNG de Culleredo solicita a iniciación dun expediente de comprobación sobre a afectación do "Plan de equipamentos en solo rústico do Casino da Coruña" a propiedades que puideran ser propiedade pública ou veciñal.
Non temos constancia de que o Goberno Municipal esgotara a vía da Xustiza ordinaria, onde o remitiu o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común e tal e como se comprometera coa Asociación de Veciños.
Existen indicios de que cando menos parte do antedido proxecto puidera ocupar terreos de propiedade pública, polo que se solicita aos servizos municipais que fagan as indigacións precisas para determinar se iso é así.
O BNG demanda os informes das alternativas para a conexión da AP9, aeroporto e terceira rolda
O Pleno Municipal aprobou en xuño por unanimidade solicitar á Xunta e a Fomento un estudo rigoroso das alternativas para conectar a AP9 co aeroporto e a terceira rolda (AC14)
Con posterioridade o Goberno Municipal anunciou un estudo dos técnicos municipais para conectar a AP9 coa AC213 en Almeiras.
Esta semana sóubose que o Goberno do Estado está a traballar nun novo proxecto para o vial 18, que pode elevar o seu custo até os 30 millóns de euros.
Descoñecemos as xestións que o Goberno Municipal levou a cabo nestes máis de 3 meses e o ditame dos técnicos municipais.
Ademais do custo económico, o vial 18 tería un elevado prezo social e medioambiental para o noso Concello, polo que a veciñanza ten dereito a saber porque se escolle esa opción fronte a outras que serían máis económicas e que poderían ser máis beneficionas para Culleredo.
O BNG propón modificacións na taxa pola subministración de auga potábel
O servizo de subministración de auga potábel está a prestarse en precario dende 2015, logo dunha prórroga de un ano aprobada malia os reparos de Intervención e da Secretaría municipais.
O BNG solicita que se desconte dos recibos o canon que debería pagar a empresa concesionaria, segundo o estudo económico incluído no prego de contratación presentado en 2015.
Solicita tamén que se estuden descontos pola mala calidade na prestación do servizo, en función dos días no que este é deficiente, e que os recibos se pasen ao cobro unha vez rematado o prazo de recurso contra a taxa.
Non prospera a proposta do BNG de investigar a obra do Río Trabe
A moción presentada polo BNG para investigar as irregularidades nas obras do Río Trabe tivo o apoio de todos os grupos da oposición menos os da Marea e Cidadanos, que ao absterse facilitaron que a proposta fose rexeitada cos votos do PSOE.
Un informe do Xefe de Servizo de Arquitectura e Urbanismo pon en evidencia graves diferenzas entre o proxecto orixinal e o executado en temas como o sistema previsto, o tramo de actuación, a pendente ou os materiais empregados.
A inclinación do noiro pasou do 25% que figuraba no proxecto, ao 50% e até o 60%, sen constar estudos técnicos previos, podendo afectar á seguridade estrutural.
O pleno aproba a proposta de resolución do contrato da Garrocha como demandaba dende hai anos o BNG
En 2012, cando se iniciou un primeiro expediente de resolución, a concesionaria xa adebedaba máis de 120.000€
Non temos constancia do pagamento das últimas anualidades (24.000€ anuais) nen da débeda anterior.
Hai tamén incumprimentos en materia de medio ambiente e dos servizos que se deberían prestar pola concesionaria.
Nengún dos concelleiros con responsabilidades nesas áreas, incluído o alcalde, foi quen de contestar ás preguntas formuladas por Tono Chouciño.
O aval depositado, de 120.000€, é a todas luces insuficiente para cubrir os prexuízos xerados.
Alegacións do BNG de Culleredo ao Plan Director do aeroporto
Estas alegacións son complementarias ás presentadas dende o Concello de Culleredo, que o BNG subscribe.
Solicítase unha franxa mínima de 8 horas sen actividade para garantir o dereito ao descando da poboación circundante, a revisión da adecuación do aeroporto á normativa vixente, e ter en conta as alternativas de transporte para o cálculo da demanda futura.
Tono Chouciño renuncia ao cobro pola asistencia ao próximo Pleno
Tono Chouciño, concelleiro do BNG de Culleredo, renuncia ao cobro de indemnización pola asistencia ao Pleno Extraordinario convocado para o martes da vindeira semana. "Non me parece lícito cobrar a indemnización estipulada para a asistencia a este acto".
O Pleno conta cun único punto na orde do día, a renuncia de dos concelleiros do Partido Popular, polo que previsibelmente será un acto protocolario e breve, para o que o representante nacionalista estima que non é precisa nengún tipo de preparación pola súa parte.