O BNG insta a Fomento a executar canto antes o plan de insonorización

O BNG insta a Fomento a executar canto antes o plan de insonorización

Culleredo, 5 de setembro de 2013. A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei na Cámara na que insta ao Ministerio de Fomento a executar canto antes o Plan de Insonorización de vivendas de O Burgo, afectadas polo impacto acústico do aeroporto coruñés de Alvedro.

Ademáis, Rosana Pérez rexistrou unha pregunta parlamentar para saber por que razón AENA tarda tanto en levar a cabo o plan comprometido. Salienta nas súas iniciativas parlamentares que O Burgo “é unha das localidades galegas que experimentou un maior medre e densidade de poboación. Os edificios de vivendas sitúanse a menos de 1.200 metros da cabeceira do aeroporto de Alvedro, e os seus habitantes sufren o impacto acústico provocado polas manobras dos avións”. Unha situación, recalca, que se agravou coa ampliación de Alvedro.

Para cando?

Explica que AENA se comprometeu a realizar un plan de insonorización, pero polo de agora, de 1.900 vivendas só insonorizou 86.

Afirma Rosana Pérez que “unha ampliación do aeroporto nunha zona tan poboada, debe ir acompañada da axeitada protección dos veciños. Debe ser consustancial ás obras e non ficar relegada a un segundo plano. De nada lle vale aos veciños contar con insonorizacións dentro duns anos porque o problema acústico o están a padecer desde hai tempo e ten repercusións na saúde. Os anos que teñen que soportar esta situación non se reparan, así que canto máis tempo pase, maior será o dano”.

o impacto acústico afecta á calidade de vida da xente

Subliña a deputada do BNG que estamos a falar dun problema que afecta á calidade de vida da xente e á súa saúde. “Non se pode practicar unha política cicateira nestas cuestións”.

Demanda Rosana Pérez que se axilicen estas actuacións e pregunta cando se van a levar a cabo as restantes insonorizacións.

Por último, pón sobre a mesa a proposta dos veciños que reclaman poder contratar as obras directamente coas distintas empresas habilitadas por AENA en lugar de que se concedan a unha única empresa para que á súa vez subcontrate as actuacións. “Que opina AENA desta solicitude?”.

O BNG insta a Fomento a executar canto antes o plan de insonorización