O xulgado ordena executar a sentenza que anulou a liquidación do CLT de Ledoño

CLT Ledoño, Culleredo
CLT de Ledoño

A sentenza do contencioso administrativo do mes de setembro, anulaba a liquidación da concesión do Centro Loxístico de Culleredo en Ledoño e mandaba repetila.

A concesionaria, Obralar, apelou ese fallo. O Concello de Culleredo non.

O Goberno Municipal permitira á concesionaria vender as parcelas resultantes, algo que un informe da Secretaria municipal declaraba nulo de pleno dereito.

O xulgado ordena executar a sentenza que anulou a liquidación do CLT de Ledoño

Un auto do xulgado contencioso administrativo nº 2 da Coruña ordena a execución provisional da sentenza de setembro de 2020 na que revoca a liquidación que se fixo da concesión en 2017.

Naquela liquidación, establecíase que a concesionaria debía ao Concello de Culleredo máis de 1 millón de euros como saldo da concesión; porén a concesionaria Obralar reclamou 17 millóns de euros ou subsidiariamente 6 millóns en base a cálculos alternativos, por non agotar os 25 anos de tempo da concesión e rescatarse pasados 15 anos..

A resolución da concesión tivera que ir varias veces ao Pleno entre 2015 e 2017 por caducar o expediente e por que o Concello non quixo aplicar o motivo que máis beneficiaba aos intereses municipais, é dicir, os incumprimentos da concesionaria, que non construiu o comprometido: un hotel de 4 estrelas, unha estación intermodal, unha ITV, un área comercial, entre outras. Uns incumprimentos que non se lle reclamaron nunca. Agora veñen as consecuencias.

Xa durante a tramitación do rescate da concesión e posteriormente da liquidación do contrato de concesión, a Secretaria Municipal reiteraba en varias ocasións o que xa en 2004 informara: que o contrato de concesión era nulo de pleno dereito por ter permitido vender parcelas resultado de expropiacións, xa que o destino do que se expropia debe ser para patrimonio público e nunca para patrimonio privado. Agora parece que esas vendas non computan para establecer o saldo que pertencería a Culleredo.

Mentras tanto, o Concello de Culleredo segue sen ter tomado posesión dos bens que lle pertencen do resultado do rescate da concesión: o aparcadoiro de camións, os edificios de usos administrativos e de recepción de visitantes, a báscula... mentras os rendementos deses bens non repercuten en beneficio público senón dunha xente á que non pertencen.

O BNG reclamou por dúas veces a depuración de responsabilidades que os informes da Secretaria Municipal indican que proceden, sen que prosperaran pola oposición do PSOE. Seguiremos insistindo, posto que nesta desfeita hai que coñecer e demandar as responsabilidades de todo tipo que puidera haber en toda esta secuencia de irregularidades que pode hipotecar o futuro de Culleredo.
O xulgado ordena executar a sentenza que anulou a liquidación do CLT de Ledoño