TRANSPARENCIA

A Valedora do Pobo lembra por segunda vez ao Goberno Municipal as súas obrigas

2018 04 24 valedora do pobo convenios urbanísticos

A petición de información está baseada na solicitude do voceiro do BNG, Tono Chouciño, para acceder aos expedientes dos convenios urbanísticos asinados polo Concello de Culleredo.

Esta información é imprescindíbel para analizar o proxecto de PXOM en trámite, pois poden condicionalo e mesmo ameazar a estabilidade financeira do Concello

A Valedora do Pobo lembra por segunda vez ao Goberno Municipal as súas obrigas

Tono Chouciño, voceiro do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo, recibiu unha nova notificación da Valedora do Pobo, con data de 17 de abril, na que se lle indica que o Goberno Municipal segue sen responder á petición de información realizada por ese organismo, malia ter sido urxido en dúas ocasións a enviar o informe.

Dita petición de información ven motivada pola negativa do Goberno Municipal a conceder o acceso aos convenios en materia urbanística asinados polo Concello de Culleredo, información que é imprescindíbel para poder analizar o proxecto de PXOM actualmente en trámite.

Tono Chouciño lembra como no caso do CEIP Ría do Burgo o Concello foi condenado a pagar máis un millón e medio de euros por incumprir un deses convenios, que polo tanto condicionan non só o desenvolvemento urbanístico do Concello senón tamén a súa estabilidade financeira.

O voceiro nacionalista lamenta a reticencia do Goberno Municipal a informar. "Dende que o Sr. Rioboo tomou posesión como alcalde nunca máis se volveu reunir a Comisión Especial do PXOM. Hai un mutismo case absoluto entorno ao Plan, só roto por anuncios que nunca se cumplen e descualificacións a calquera iniciativa que reclame transparencia".

Agardamos que, como afirmou o Alcalde no último Pleno, a demanda da Valedora do Pobo teña sido xa atendida. Para o concelleiro do BNG "é lamentábel que teñan que lembrarlle ao Alcalde en dúas ocasións as súas obrigas legais para que así sexa. A ver se por fin podemos acceder aos expedientes dos convenios".

A Valedora do Pobo lembra por segunda vez ao Goberno Municipal as súas obrigas