A GARROCHA

O pleno aproba a proposta de resolución do contrato da Garrocha como demandaba dende hai anos o BNG

A Garrocha

En 2012, cando se iniciou un primeiro expediente de resolución, a concesionaria xa adebedaba máis de 120.000€

Non temos constancia do pagamento das últimas anualidades (24.000€ anuais) nen da débeda anterior.

Hai tamén incumprimentos en materia de medio ambiente e dos servizos que se deberían prestar pola concesionaria.

Nengún dos concelleiros con responsabilidades nesas áreas, incluído o alcalde, foi quen de contestar ás preguntas formuladas por Tono Chouciño.

O aval depositado, de 120.000€, é a todas luces insuficiente para cubrir os prexuízos xerados.

O pleno aproba a proposta de resolución do contrato da Garrocha como demandaba dende hai anos o BNG

O Pleno Municipal aprobou a proposta de incoación de expediente de resolución do contrato para a explotación e mantemento do Complexo Deportivo Municipal da Garrocha, despois de que o BNG de Culleredo preguntara en repetidas ocasións nos últimos anos pola situación deste contrato.

De acordo coa información á que se tivo acceso, non consta o pago das últimas anualidades do canon correspondente, que ascende actualmente de 24.000€ anuais. Tampouco consta a resolución do expediente de reversión iniciado en 2012 precisamente por impago do canon, por un importe acumulado que xa superaba daquela os 120.000€

Ademais das dúbidas do cumprimento das súas obrigas económicas, tamén existen dúbidas do cumprimento doutras obrigas referidas ao mantemento das instalacións e aos servizos que a concesionaria estaría obrigada a ofertar.

Tono Chouciño interpelou no Pleno aos concelleiros con responsabilidades nas áreas afectadas, as de medio ambiente e de contratación, entre os que figura o propio alcalde, sen obter contestación pola súa parte, algo xa habitual.

Indicou que o aval bancario é de 120.000€, "que á vista da situación das instalacións e da débeda contraída, non chega a nada. Podíase ter executado hai moito tempo, desde que nós levamos reclamándoo, cun só aviso á entidade bancaria".

Para o voceiro nacionalista é importante aclarar os prexuízos causados ao Concello e depurar responsabilidades "por un simple principio de igualdade xurídica, aquí se estivo a consentir o impago de grandes cantidades co Concello durante moito tempo e non se vixiou que se cumprise co establecido no contrato. Os responsábeis terán que dar explicacións, por moito que intenten buscar chivos expiatorios".

O pleno aproba a proposta de resolución do contrato da Garrocha como demandaba dende hai anos o BNG