TRANSPARENCIA

O BNG pregunta polo cumprimento das obrigas tributarias das construcións ilegais

20170406 pleno

Trátase da terceira ocasión na que o BNG se interesa por este tema, tras outras dúas nas que o Goberno Municipal non foi quen de confirmar o pago deste imposto nas obras incluídas nos expedientes requeridos recentemente polo Xulgado.

O BNG pregunta polo cumprimento das obrigas tributarias das construcións ilegais

No pleno do pasado xoves o BNG-Asembleas Abertas de Culleredo interesouse por terceira vez polo cobro do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) ás obras incluídas nos expedientes requeridos recentemente polo Xulgado, xa que nas dúas ocasións anteriores os representantes do Goberno Municipal non puideron confirmar o pago de dito imposto.

Nesta ocasión, tralas preguntas do voceiro nacionalista, Tono Chouciño, comprometéronse a facilitar unha relación coa liquidación do ICIO naqueles casos nos que este era preceptivo. 

Tal e como se dixo no Pleno, o ICIO é un imposto que carga a realización de todo tipo de obras ou construcións, formalizándose a través dunha autoliquidación que debe presentar a persoa interesada, calculada sobre o importe das obras feitas. No caso de non terse presentado a autoliquidación, corresponde ao Concello a tramitación da liquidación de oficio.

Para o representante nacionalista "o Concello debería poder acreditar facilmente que todas as obrigas tributarias están sendo esixidas a todos por igual, e debería tamén ter establecido un procedemento de comunicación entre os Servizos municipais de Urbanismo e Facenda, para liquidar de oficio este tributo. O contrario é beneficiar ao infractor"

Tono Chouciño lembrou que entre eses expedientes hai obras con importes de 200.000 e 1.000.000 de euros, e algunha prescribe no 2018,  polo que "no caso de que non se tivese liquidado o imposto, procedería facelo á maior brevidade posíbel".

O BNG pregunta polo cumprimento das obrigas tributarias das construcións ilegais