URBANISMO

O BNG pide o acceso á listaxe de convenios urbanísticos asinados polo Concello de Culleredo

CEIP Ría do Burgo actualidade

A existencia desta listaxe nunca fora mencionada polo Goberno Municipal, malia as múltiples peticións de acceso á información do representante do BNG, coñecéndose a súa existencia pola resposta á Valedora do Pobo.

O Concello de Culleredo debe establecer mecanismos para garantir ese dereito de acceso á información, evitando estratexias dilatorias para entorpecer o acceso a certas informacións que parece que non queren que se coñezan.

O BNG pide o acceso á listaxe de convenios urbanísticos asinados polo Concello de Culleredo

O representante do BNG de Culleredo, Tono Chouciño, solicitou este venres por escrito o acceso á listaxe de convenios urbanísticos asinados polo Concello de Culleredo, logo de coñecer a súa existencia pola resposta que dende o Concello se deu, por fin, á demanda de información da Valedora do Pobo.

É altamente preocupante o xeito de proceder do Goberno Municipal, que até que se viu na obriga de contestar a ese organismo autonómico nunca mencionara a existencia desa listaxe, malia as reiteradas peticións de acceso á información realizadas polo BNG e malia as reiteradas promesas de transparencia pola súa parte.

A Valedora do Pobo, no seu escrito, lémbralle ao Goberno de Culleredo a súa obriga a facilitar a información demandada polas persoas membras da corporación no exercicio das súas funcións, dentro do "dereito fundamental de participación política inherente ao cargo de concelleiro", e que a negativa a obter copia dos documentos, recollida na normativa de réxime local, debe ser xustificada e motivada.

O BNG de Culleredo coincide coa valoración que fai a Valedora sobre a necesidade de establecer un sitema que, sen menoscabar o funcionamento normal dos órganos municipais, permita a posta a disposición dos concelleiros e concelleiras da documentación que lles permita desenvolver as funcións de control e fiscalización do goberno local.

Para Tono Chouciño "hai que facer efectiva esa tan cacarexada transparencia. Do contrario facilítase o abuso dunha posición de privilexio, como neste caso coa ocultación da existencia desa listaxe de convenios urbanísticos, para dificultar e demorar o acceso certas informacións que parece que non queren que se coñezan e que poden agochar graves prexuízos para o noso Concello e os seus veciños e veciñas, como aconteceu no caso do convenio do colexio Ría do Burgo".

O BNG pide o acceso á listaxe de convenios urbanísticos asinados polo Concello de Culleredo