O BNG reclama apoio do goberno municipal para frear as agresións ao Monte Xalo

IMG-20200229-WA0001
Sinal informativo nas Comunidades de Montes
O BNG reclama apoio do goberno municipal para frear as agresións ao Monte Xalo

O BNG de Culleredo reclamou en pleno que o concello apoie á Comunidade de Montes Xalo e denuncie os graves estragos sufridos no enclave forestal, despois dunha carreira de vehículos todoterreo, no que participaron decenas de coches. O goberno local non quixo responder e limitouse a inconcrecións como que lle falta información ou a competencia sobre a materia non é súa. Incidentes coma este fan que as comunidades de montes queden soas na defensa do monte ante a habitual ausencia de resposta.

Ademais, o grupo nacionalista tamén pediu que o goberno local tratase na Xunta de Seguridade a problemática reiterada que supoñen os vehículos que circulan polo monte, o abandono de lixo e outras agresións sobre o patrimonio forestal e medioambiental.

A Comunidade de Montes Xalo, de Celas, denunciou polas vías xudicial e administrativa que o monte fora gravemente danado despois da celebración dunha actividade con coches 4x4 nesa contorna, hai unhas semanas, cando apareceron árbores a plantas rotas, grandes movementos de terra e rastros notables de aceites de motor. Aínda non hai desenlace para esta denuncia.

O BNG de Culleredo apoia á Comunidade de Montes Xalo nesta denuncia e reitera o seu compromiso co monte e o medio ambiente animando ás comunidades de montes a denunciar publicamente os abusos e agresións que reciben.

O BNG reclama apoio do goberno municipal para frear as agresións ao Monte Xalo