MEDIO AMBIENTE

Aprobación unánime da proposta do BNG de instaurar taxa ás empresas enerxéticas

Instalación Eléctrica en Culleredo
Instalación Eléctrica en Culleredo

A taxa, pola utilización ou aproveitamento do dominio público local polas empresas titulares de instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos, está validada por sentenzas do Tribunal Supremo. Para Tono Chouciño a situación actual é totalmente inxusta, xa que "as veciñas e veciños de Culleredo aportan máis de 11 millóns de euros ao ano en impostos e taxas, mentres que grandes empresas enerxéticas gozan dun réxime virtual de exención fiscal".

Aprobación unánime da proposta do BNG de instaurar taxa ás empresas enerxéticas

O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo conseguiu a aprobación unánime do Pleno para o inicio dos estudos e xestións necesarias para a tramitación e aprobación, a través da correspondente ordenanza fiscal reguladora, dunha taxa pola utilización ou aproveitamento do dominio público local polas empresas titulares de instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos.

Trátase dunha iniciativa que xa foi anunciada polo voceiro nacionalista, Tono Chouciño, durante o Pleno sobre o Estado do Municipio, ante a necesidade de buscar novas fontes de financiación para o Concello, e ao aveiro das sentenzas do Tribunal Supremo que avalan a instauración destas taxas noutros Concellos.

Estas sentenzas avalan a legalidade de gravar a utilidade que lle reporta ás empresas de enerxía, gas ou hidrocarburos a utilización privativa ou o aproveitamento especial do solo que forma parte do dominio público, con exclusión doutros usos, para unha actividade netamente industrial como é o transporte de subministros enerxéticos.

A cota a pagar situaríase entre 3.000 euros e 12.000 euros por metro lineal no caso das instalacións de transporte eléctrico, segundo o tipo de tensión -baixa, media ou alta-, e no que atinxe ás de transporte de gas, oscilaría entre os 500 euros e os 4.000 euros.

Tono Chouciño lembrou que a Lei Reguladora das Facendas Locais de 2004 xa permitía a creación desta taxa, mais as empresas nunca a aboaron e moitos concellos aínda non crearon ordenanzas a tal efecto. "Os veciños e veciñas contribúen con máis do 50% do orzamento de Culleredo, aportan entre taxas e impostos máis de 11 millóns de euros, mentras que grandes empresas enerxéticas gozan dun réxime virtual de exención fiscal, ao que é preciso pór fin, para que todos contribuamos en condicións de igualdade ao sostemento dos servizos públicos".

Aprobación unánime da proposta do BNG de instaurar taxa ás empresas enerxéticas