O BNG lamenta que o PP utilice medios e persoal da administración para actos de partido sobre a pegada sonora de Albedro

Aeroporto A Coruña [Foto: Bene Riobó]
Aeroporto A Coruña [Foto: Bene Riobó]

A presenza do director do Instituto de Estudos do Territorio, Francisco Barea, nun acto telemático do PP proba que para este partido “a Xunta de Galiza só é unha prolongación de si mesmo”

A deputada do BNG Mercedes Queixas pedirá explicacións no Parlamento sobre a “confusión recorrente” do PP entre partido e administración

O BNG lamenta que o PP utilice medios e persoal da administración para actos de partido sobre a pegada sonora de Albedro

Todo o relacionado coa proposta de AENA de nova pegada sonora para o aeroporto de Albedro está a causar unha lóxica preocupación social nos concellos da comarca afectados por dito proxecto e, antes de máis, ten ocasionado unha necesaria demanda de información por parte da veciñanza afectada, nalgúns casos con vistas á presentación de alegacións e noutros para coñecer pormenores desta actuación do Estado no aeródromo.

Unha demanda de información que, máis unha vez, ten sido asumida en exclusiva polos concellos afectados e pola propia veciñanza afectada ou o tecido asociativo organizado nos diferentes municipios, frente á cal a Xunta de Galiza, a pesar das súas competencias exclusivas sobre a ordenación do territorio, unicamente está a responder desde a máis absoluta lei do silencio.

O desinterese do goberno que preside Alberto Núñez Feijóo por ofrecer información e asesoramento á veciñanza fai que sexa particularmente obsceno que o PP anuncie a celebración dun encontro informativo telemático, con formato de videoconferencia, coa presenza dun alto cargo da administración autonómica: Francisco Barea, director do Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo dependente da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

“Máis unha vez queda demostrado que o PP entende a Xunta como unha prolongación natural de si mesmo”, denuncia a responsábel comarcal do BNG, Vitoria Louro, ao tempo que lamenta que o único interese do PP no asunto da pegada sonora e do aeroporto sexa “facer ver que se fai algo”, ao tempo que a administración segue sen actuar.

Esta “recorrente confusión” entre actividade do partido e actividade do goberno galego e dos seus organismos será trasladada ao Parlamento de Galiza pola deputada Mercedes Queixas, quen demandará non só o fin desas prácticas senón unha verdadeira implicación da Xunta no proceso de información e asesoramento á veciñanza dos concellos afectados polo proxecto de AENA.

O BNG lamenta que o PP utilice medios e persoal da administración para actos de partido sobre a pegada sonora de Albedro