O BNG esixirá responsabilidades pola rotura da cuberta do parque das Brañas

Rotura da cuberta do parque das Brañas
Rotura da cuberta do parque das Brañas

A obra rompe antes de recibila pero está pagada nun 90%.

Hai dous meses o BNG preguntou por que estaba valada unha obra que debía terse recibido hai máis dun ano. Pedirá depuración de responsabilidades.

A Deputación, que financiou a obra a través do POS 2018, debería investigar o sucedido.

O incumprimento dos pregos de contratación é habitual nas obras municipais.

Hai máis obras que están sen recibir e abertas ao público, coa responsabilidade conseguinte para o Concello.

O BNG esixirá responsabilidades pola rotura da cuberta do parque das Brañas

A cuberta do parque das Brañas rompeu tras non ter resistido as primeiras borrascas do outono. Algo inexplicable nun proxecto en teoría redactado por equipo técnico, supervisado por dirección de obra e executado pola empresa máis competente escollida nun proceso de licitación entre a concorrencia de varias.

O BNG presentará solicitude de depuración das responsabilidades e comparecencia dos técnicos que interviron na cadea de realización do proxecto. Tamén remitirá por escrito á Deputación, unha petición de que este organismo se implique na depuración de responsabilidades por estar en xogo os cartos públicos do Plan de Financiamento de Obras e Servizos POS 2018.

Procede saber que fallou nunha cadea de responsabilidades para que rompa unha estrutura que fora pagada xa nun 90% e que non estaba recibida polo Goberno Municipal malia pasar longamente do prazo de execución.

Hai dous meses, o BNG pediu explicacións ao Alcalde de por que a obra seguía valada máis dun ano despois de finalizar o prazo de execución, e tamén, por que se permitía que os rapaces se colaran dentro para seguir usando o parque malia non ter a garantía da entrega da estrutura que a cubría. Vemos agora que íamos ben. Que o Goberno Municipal está cheo de irresponsables que lles dá igual como deben facerse as cousas que están perfectamente reguladas.

O BNG leva anos advertindo de varias obras que se executan sen axustarse aos pregos de contratación, algunhas delas sen recibirse aínda como é o caso da escollera do Río Trabe diante do pavillón municipal ou o pavimento do Residencial A Ría. Irregularidades que poden derivar en prexuízos para os usuarios das vías e de haber accidentes, tamén responsabilidades patrimoniais para o Concello.

Algo cheira a podre no Goberno Municipal de Culleredo cando non son quen de ter explicacións a estas irregularidades que xa son un clásico na xestión municipal do Goberno de Rioboo.

O BNG esixirá responsabilidades pola rotura da cuberta do parque das Brañas