O BNG de Culleredo reclamou ao goberno local explicacións por non pedir axudas provinciais destinadas a servizos sociais

Pleno do 5 de xuño de 2020
Pleno do 5 de xuño de 2020
  • De dúas convocatorias de fondos, só foi a refrendar, unha. Ambas solicitudes eran compatibles e non excluíntes entre si.
  • O Concello de Culleredo só incluíu na orde do día, os fondos destinados a investimentos e obras do plan POS da Deputación.
  • Os servizos sociais serían os grandes prexudicados de non pedir en forma e prazo os 81.000€ á Deputación.
O BNG de Culleredo reclamou ao goberno local explicacións por non pedir axudas provinciais destinadas a servizos sociais

O Concello de Culleredo non levou ao Pleno o trámite dos fondos POS-1, para o financiamento dos gastos sociais extraordinarios ocasionados pola COVID-19 e que alcanzan os 81.771,60€; a pesar de si ter movido os trámites necesarios para solicitar os fondos correspondentes ao POS-2, destinados a investimentos e que sumarían 306.643,49€.

As prestacións que non accederían a ese financiamento son principalmente sociais e de coidados, como a atención domiciliaria, nomeadamente de persoas maiores, dependentes ou con capacidades diversas; o investimento en dispositivos de teleasistencia ou os de atención a persoas sen fogar; os servizos de rehabilitación, terapia ocupacional e hixiene a domicilio; o reforzo de persoal nos servizos sociais, a adquisición de equipos de prevención individual (EPIs) ou os fondos destinados a cubrir as necesidades básicas das familias.

O BNG reclamou explicacións de por que, unha vez máis, sexan os máis débiles e vulnerables os que se ven prexudicados pola pasividade ou neglixencia do goberno municipal, que non é quen de facer en tempo e forma unha solicitude á Deputación malia ter dez cargos políticos con dedicación remunerada ao Concello, e que debían atender á cidadanía de Culleredo, como é a súa obriga.

Con respecto ao plan POS-2 para o que si se pediron os fondos, o BNG fixo ver que eses fondos deixan de financiar a cuberta da pista polideportiva de Ledoño, que é unha promesa reiterada durante unha década, e que sería útil sobre todo para a escola infantil da parroquia, para destinalos a encher o saco do fondo corrente co que o Sr. Rioboo quere dispoñer para gastos sen planificación algunha.

Podedes ver o vídeo do pleno nesta ligazón: https://youtu.be/z5vKYnkmXvg

O BNG de Culleredo reclamou ao goberno local explicacións por non pedir axudas provinciais destinadas a servizos sociais