O BNG de Culleredo leva a pleno a revisión da autorización á gasolineira xunta o río Valiñas

Clasificación do Solo no proxecto de PXOM
Clasificación do Solo no proxecto de PXOM

Reclamará a Augas de Galiza a revisión da autorización para a construción, como paso previo para revogar a licenza municipal.

As obras, xa iniciadas, deixan en evidencia que os terreos forman parte da zona anegable do río, quedando totalmente recubertas de auga.

O documento hidrolóxico para o proxecto de PXOM de Culleredo, aprobado inicialmente e co visto bo de Augas de Galiza, declara a zona como “solo rústico de protección das augas”.

O BNG de Culleredo leva a pleno a revisión da autorización á gasolineira xunta o río Valiñas

As obras para a construción dunha gasolinera en Ledoño, comezadas hai apenas unhas semanas provocaron o desbordamento do río e o asolagamento da parcela. Os efectos son visibeis para calquera que pasa pola zona, á beira da estrada AC-253 que une a A-6 co Mesón do Vento. A actuación conta con licenza municipal e autorización previa de Augas de Galiza. Mais, xa en novembro de 2018, ante a apertura do periodo de exposición pública por parte de Augas de Galiza para dita autorización, a veciñanza da zona e colectivos ecoloxistas mobilizáronse para presentar alegacións, ás que se uníu o BNG,  facendo ver que se trataba dunha zona anegable.

O BNG de Culleredo vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno municipal que terá lugar este xoves, 25 de febreiro, ás 13:30 horas, reclamando a revisión por parte de Augas de Galiza da autorización para esta construcción, como paso previo á anulación da licenza.

O propio proxecto de PXOM aprobado inicialmente pola corporación cullerdense, e que conta con informe favorábel de Augas de Galiza, clasifica os terreos como “solo rústico de protección das augas”, o cal entra en total contradición coa autorización emitida polo mesmo organismo. Na Memoria Medioambiental emitida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para o PXOM, faise especial fincapé no valor ambiental do espazo no que agora autorizan a construción dunha gasolineira con frases como “En canto aos valores naturais, malia que no concello non existe ningún espazo natural protexido, o PXOM recoñece o valor ambiental dos Montes do Xalo, da ría do Burgo e do sistema fluvial que conforman o río Mero co seu principal afluente, o río Valiñas.” ou “Naqueles ríos que son masa de auga (río Valiñas e río Trabe) non se debe reducir a protección de 100 metros, salvo xustificación motivada”. Cómpre lembrar asemade, que esta infraestructura non vén cubrir ningunha necesidade para a poboación do noso municipio, xa que na contorna contamos con outras dúas gasolineiras en menos dun kilómetro á redonda.

Os nacionalistas agardan contar co apoio de toda a corporación municipal para rematar coa aldraxe ao noso medio natural, poñendo os intereses da veciñanza e a protección dos nosos ríos e montes por diante de intereses particulares e especulativos.

 

 

O BNG de Culleredo leva a pleno a revisión da autorización á gasolineira xunta o río Valiñas