O BNG de Culleredo demanda un pleno extraordinario urxente para axilizar as alegacións municipais á ‘pegada sonora’

Pegada sonora do aeroporto coruñés
Pegada sonora do aeroporto coruñés

O goberno local prometeu convocar a Comisión Especial do Aeroporto e o seu comité técnico, mais segue na inacción

Convida ao resto da oposición a unirse á petición

O BNG ten listas as súas alegacións para a veciñanza, a falta do que se poida engadir tras esa sesión técnica

O BNG de Culleredo demanda un pleno extraordinario urxente para axilizar as alegacións municipais á ‘pegada sonora’

O BNG de Culleredo urxe ao Concello de Culleredo a presentar alegacións á ‘pegada sonora’ do Aeroporto de Albedro, e exercer a defensa de boa parte da súa veciñanza. É por iso polo que solicita a convocatoria dun pleno extraordinario e urxente para tratar esta cuestión, antes de que acabe o prazo o próximo 28 de decembro, e convida ao resto de grupos da oposición a sumarse a esta demanda. O ROM —Regulamento Orgánico Municipal— prevé que se teña que convocar un pleno deste tipo se a solicitude a subscribe unha cuarta parte dos concelleiros da Corporación Municipal. Os tres do BNG xa a presentaron por rexistro.

O alcalde de Culleredo prometeu, no pleno extraordinario de novembro, que convocaría a Comisión Especial do Aeroporto, na que participaría o comité técnico asesor para elaborar as alegacións oportunas desde o propio concello. A pesar da insistencia do BNG, e a cinco días hábiles vista de que expire o prazo para facelo —o día 28—, aínda non hai noticias de esa convocatoria nin de ningunha outra acción desde o goberno municipal para axudar, asesorar ou simplemente informar á cidadanía afectada. Nin sequera hai unha mísera anotación na web municipal.

Pola súa banda, o BNG de Culleredo preparou o seu propio documento de alegacións, a partir de traballo propio e coas conclusións da palestra online, con avogados coñecedores da materia, que se celebrou hai uns días. Este modelo porase a disposición de todas as persoas que o desexen. Entre as propostas inclúense, entre outras, que se amplíen os prazos do proceso e a calidade da información para facilitar o acceso por parte da cidadanía afectada; que se prepare unha memoria económica para compensar aos afectados con definición e prazos; que se revise o horario operativo do aeroporto para limitalo ao intervalo de 7 a 23 horas, o que permitiría a redefinición da afectación á veciñanza; ou que se cree un grupo de traballo para avaliar a posibilidade de compensacións aos municipios que soportan os efectos do aeroporto coruñés.

O BNG de Culleredo demanda un pleno extraordinario urxente para axilizar as alegacións municipais á ‘pegada sonora’