O BNG de Culleredo achega propostas ao Goberno Municipal fronte á afectación do coronavirus

Propostas de emerxencia sobre o coronavirus
Propostas de emerxencia sobre o coronavirus
O BNG de Culleredo achega propostas ao Goberno Municipal fronte á afectación do coronavirus

A crise sanitaria provocada polo coronavirus esixe colaboración e firmeza desde todos os medios, incluso no ámbito local. O grupo municipal do BNG en Culleredo ofreceuse ao goberno municipal e achegoulle varias propostas para enfrontar os efectos do virus, sobre todo para os que máis o necesitan, con especial atención para os servizos sociais.

Para mellorar a atención á veciñanza máis afectada por esta situación excepcional , o BNG considera de urxente necesidade que se reforcen as canles telefónicas e telemáticas do concello para atender á cidadanía que o precise. É posible que o confinamento obrigado agudice problemáticas de violencia machista, pobreza (especialmente infantil) ou saúde mental, polo que se propón unha atención intensiva dos protocolos, para garantir a efectividade dos servizos sociais. Ademais tamén se inclúe a proposta de crear un plan de voluntariado telefónico para tratar de acompañar a quen está confinado en soidade, sobre todo xente maior.

Para apoiar ao persoal que traballa nas contornas hospitalarias, o BNG propón que o concello coordine pisos voluntariamente cedidos para a ocasión cos traballadores que prefiren non voltar cada día coas súas familias para evitar posibles contaxios mentres dure a situación de alerta.

Por outra banda, o concello debe ver de axudar ás vítimas económicas desta crise e para iso, o BNG de Culleredo suxire a posibilidade de suspender ou condonar os recibos do subministro de auga mentres dure o estado de alarma.

Por último, tamén se pide anticiparse á posible xeneralización de desinfección e baldeo das rúas, buscar a ampliación do equipo da Policía Local de Culleredo, a través de listas de aprobados sen praza, ou o establecemento dun plan de aprendizaxe desta crise, que axude a mellorar protocolos e métodos de actuación.

O BNG de Culleredo achega propostas ao Goberno Municipal fronte á afectación do coronavirus