Concello de Culleredo: participación ás agochadas

Concello de Culleredo: participación ás agochadas

O Goberno Municipal de Culleredo ven de lanzar unha páxina web (www.culleredovivo.es) onde se poden votar propostas feitas polo equipo de goberno, ou mesmo realizar propostas novas, en relación á convocatoria de fondos FEDER da Unión Europea destinados a proxectos de desenvolvemento urbano en Concellos con máis de 20.000 habitantes.

A páxina web activouse a semana pasada e o prazo de presentación de propostas remata o vindeiro luns 21 de decembro, sen que até o de agora se lle dera a difusión que debera, como proba o feito de que a día de hoxe só participaron na enquisa 30 persoas. Deberíanse ter habilitado, ademais, outros medios para facilitar a participación dunha parte da poboación que non ten acceso a internet.

Esta convocatoria podería ser unha excelente oportunidade para o noso Concello, que permitiría levar a cabo actuacións de alcance que superen o meramente municipal, como por exemplo a recuperación dos terreos e as instalacións da antiga Cros para un uso social e cultural.

A actuación do Goberno Municipal parécenos un magnífico exemplo do seu nulo interese en facilitar a participación real dos veciños e veciñas nos asuntos do Concello, limitándose a cumprir formalmente co expediente, cunha falta total de transparencia.

Reclamamos unha rectificación nesta política e animamos aos veciños e veciñas de Culleredo a participar activamente no proceso, apoiando calquera das propostas presentadas ou facendo chegar ao Concello ás súas propias, ben vía web ben vía rexistro municipal.

Concello de Culleredo: participación ás agochadas