O BNG emprende unha campaña informativa sobre os desbroces

O BNG emprende unha campaña informativa sobre os desbroces

O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo comezou unha nova campaña informativa polas distintas parroquias de Culleredo, esta vez sobre os traballos de desbroce nos viais de titularidade municipal, que este ano están aínda comezando a realizarse, acumulando un grande retraso, tal e como se denunciou no pleno de maio, debido ao estado intransitábel que presentaban as estradas.

Tono Chouciño lembrou que o contrato inclúe a realización de dous desbroces anuais, un nos meses de abril e maio e outro entre setembro e outubro, así como a reparación dos desperfectos nesas vías, servizos polos que o Concello paga 140.000€ anuais.

"Estámonos atopando coa sorpresa de que os veciños e veciñas nos din que nunca se fixeron os dous desbroces, que só desbrozan unha vez o ano, preferentemente antes das festas patronais de cada parroquia". Ante esta situación o representante nacionalista solicitou acceder ao libro rexitro, onde deberían figurar os traballos efectivamente realizados.

"O Goberno municipal respondeunos o pasado día 15 que por razóns de sobrecarga de traballo e polas vacacións dos funcionarios non se podía acceder de momento ao documento, que xa nos avisarían, polo que lles daremos un tempo prudencial, pero a ninguén lle pode parecer mal que queiramos comprobar a realización duns traballos polos que relixiosamente pagamos", afirmou Tono Chouciño.

 

 

O BNG emprende unha campaña informativa sobre os desbroces