O BNG dubida da promesa de que o novo IES vaia estar para o próximo curso

O BNG dubida da promesa de que o novo IES vaia estar para o próximo curso

O Bloque Nacionalista Galego (BNG), despois de analizar as informacións sobre os asuntos tratados no Consello Escolar Municipal de Culleredo e da xuntanza entre Concello e Xunta o pasado xoves, quere manifestar que o comportamento que está tendo a Consellaría de Educación, responsable última dos graves problemas de escolarización que se están a padecer en Culleredo dende hai unha década,  está sendo de moi pouca fiabilidade, sen criterio, errático e absolutamente incompetente.

Pouco fiable. porque incumpre os seus propios compromisos. Ainda non nomeou o equipo directivo do IES en construción, que se dixo que ía facer en febreiro.

Sen criterio, porque nun mes variou tres veces a adscrición dos CEIP aos IES,  incumprindo a propia normativa. Na primeira proposta o criterio era a proximidade á Ría. Na última non ofrece posibilidade de elección  ao alumnado que por déficit de postos escolares  foi escolarizado, nun CEIP alonxado do domicilio familiar, maioritariamente no CEIP de Tarrío.

Errático, porque nuns días pasou de ofertar un novo IES con 16 unidades de ESO, a convertelo en 12 unidades de ESO e 4 de bacharelato.

Incompetente, porque das actuacións anteriores se deduce que non hai ningún estudio serio e non se ofrece ningunha proposta concreta de escolarización para os diferentes niveis educativos. Non se sabe si os IES van ser suficientes,  que centros van ter bacharelato, nin que bacharelatos ofertarán, nin as materias optativas que impartirán.

Doutra banda, constátase falta de interese e/ou incapacidade do Goberno Municipal para esixir da Administración Educativa a resolución destes graves problemas de escolarización, que non teñen  comparación en ningún outro concello de Galicia.

O seu desánimo resulta evidente porque non se aproveita o apoio que están aportando as ANPAS, escusándose nun veto da Consellería á participación de representantes dos pais/nais nas reunións, máis evidente que nunca tras a xuntanza que tiveron este xoves en Compostela con representantes da Consellaría, da que volveron cun feixe de novas excusas, e novos anuncios de aulas en espazos provisionais para o IES Blanco Amor.

En base a estas consideracións, vémonos na obriga de manifestar aos veciños e veciñas de Culleredo que, de seguir con estas dinámicas, moito nos tememos que o novo IES  non vai estar acabado para o próximo curso, nin vai poder ser utilizado en xaneiro de 2016.

Dende o BNG a posibilidade de abrir unha vía de solución para os problemas de escolarización que se están a sufrir en Culleredo, pasa por facerlle ver ao Conselleiro de Educación que estamos a vivir unha situación límite dende hai moitos anos, merecente de medidas urxentes e serias.  Vía de solución que sería máis doada coa unanimidade da Corporación Municipal e da man dos pais/nais.

O BNG, dende logo, vai seguir insistindo diante de todas as Administracións implicadas para acadar unha solución digna ao problema de masificación dos centros educativos públicos en Culleredo, manténdose, como até o de agora, ao dispor do conxunto da comunidade educativa.

O BNG dubida da promesa de que o novo IES vaia estar para o próximo curso