O BNG demanda información sobre o Plan de Saneamento Local da Ría do Burgo

O BNG demanda información sobre o Plan de Saneamento Local da Ría do Burgo

Ana Miranda, representante do BNG ante o Parlamento Europeo, reuniuse onte ao pé da Ría con representantes dos mariscadores e membros das candidaturas do BNG-Asembleas Abertas en Cambre, Oleiros e Culleredo para falar do Plan de Saneamento Local, presentado pola Xunta en novembro de 2011 e que tiña como obxectivo acadar en 2015 un estado óptimo de saneamento, tal e como marca a Directiva Marco da Auga.

O instrumento para levar a cabo este plan de saneamento era un protocolo de colaboración entre o Goberno do Estado e os concellos ubicados na Ría do Burgo (A Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros), para o que se lles remitiu unha proposta para a súa ratificación e sinatura.

Naquel intre anunciouse tamén a constitución dunha Comisión de Seguimento, formada por representantes da Xunta, do Ministerio e dos catro Concellos implicados.

Ante a falta de noticias e á vista dos constantes verquidos á Ría, o Bloque Nacionalista Galego ven de solicitar do Concello de Culleredo copia do dito Protocolo, coa sinatura se é o caso ou, no caso contrario, explicación de porqué non se asinou, así como información das actividades desenvoltas pola Comisión de Seguimento, cunha avaliación do cumprimento do obxectivo de acadar ese estado óptimo da Ría do Burgo no 2015, ano no que xa estamos.

O BNG demanda información sobre o Plan de Saneamento Local da Ría do Burgo