PRESENTACIÓN DO POEMARIO "A RELIXIÓN DO MAR"

O pasado xoves 23 de marzo, ás 20 horas, tivemos a sorte de contar con Xosé Iglesias para presentar o seu libro de poemas "A Relixión do Mar", obra gañadora do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo. Múltiples voces loubaron o traballo deste mariñeiro e poeta, poeta e mariñeiro, como "un auténtico tratado sobre a vida relacionada co mar". O xurado do Premio de Poesía Victoriano Taibo salientou que "desfilan por estas páxinas coñecementos que o autor aproveita hábilmente rebordando a súa intenciíon didáctica e presentando, a través de imaxes ricas e suxestivas, un proxecto de vida na que cicela a súa propia identidade".

Puidemos comprobar en primeira persoa a traslación do sentimento e a sensibilidade por un oficio, o oficio de mariñeiro, que como ben dixo Xosé, lévase no sangue. A súa labor e presentación destacou non só polo puro acto de Amor que é "A Relixión do Mar", senón tamén pola labor didáctica que Xosé realiza ao recoller nos seus poemas accións, labores e incluso un léxico que se está a esquencer. Parece mentira que teñamos que "volver a aprender" das cousas relacionadas co mar, ese mar que temos tan próximo, pero ao que moitas veces damos as costas.

Xosé Iglesias estivo acompañado por Belém Tajes, especialista na poesía relacionada co mar. Tajes traballou en Irlanda na recolleita do cancioneiro vinculado ao mar, unha conexión entre a illa e a cultura galega. Ademais, Belem Tajes é a nova voz da formación musical Luar na Lubre. Belém, xunto con Brais Morán á guitarra, interpretou cantos mariñeiros gaélicos e galegos e fixo unha brillante e emocionante presentación do poemario, cheo de referencias á súa traxectoria vital, de Arxentina, a Arou, a Irlanda, a Coruña...

A continuación podes ver imaxes do acto e escoitar un dos poemas de Xosé Iglesias recollidos no seu último poemario, lido por el mesmo e na contorna que lle é natural:

 

 

DSC_0160

DSC_0172

DSC_0165

DSC_0177

DSC_0181

DSC_0183

Presentación do poemario