SERVIZOS PÚBLICOS

Queixas pola falta de médicos no Centro de Saúde

portádego feijoo rioboo risas
Visita de Núñez Feijoo ao novo Centro de Saúde o 1 de agosto

A falta de previsión na cobertura das ausencias provocou numerosas queixas dos usuarias e dos usuarios do Centro de Saúde de Acea da Ma, mentras o novo centro do Portádego continúa pechado e se descoñece cal será a súa dotación de medios humanos e materiais.

Queixas pola falta de médicos no Centro de Saúde

O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo recibiu nos últimos días numerosas queixas pola falta de médicos no Centro de Saúde de Acea da Ma. Algunhas das persoas que se puxeron en contacto referiron que lles cambiaran até 3 veces as súas citas, nalgún caso collidas con moita antelación. Outras persoas encontráronse ao chegar ao centro que o seu médico non estaba e non había ninguén para substituílo, nunha mostra de total falta de previsión por parte dos xerentes da sanidade pública.

Situacións coma a desta semana son froito do desbordamento dunha situación que está permanentemente ao límite debido aos altos rátios pacientes/profesionais, que con calquera alteración desequilibran o sistema en perxuízo da atención aos usuarios e usuarias. Ten lugar mentras seguimos a agardar a apertura do Centro de Saúde do Portádego, anunciada como inminente na visita que o 1 de agosto, en precampaña electoral, fixo Núñez Feijoo acompañado polo alcalde en funcións, o Sr. Rioboo, e outros destacados membros do PSOE e do PP.

Hai que lembrar que os terreos deste Centro foron cedidos á Xunta xa no ano 2009, e que despois de moitas vicisitudes a súa entrada en funcionamento estaba prevista para finais do 2015. A día de hoxe descoñécese os motivos polos que o novo centro non abre e a dotación coa que contará. Sábese que estaba prevista a incorporación de algún especialista en Psiquiatría, e solicitada a dun médico ou médica de atención primaria e dun profesional de enfermaría, pero sen ningún tipo de confirmación oficial por parte do SERGAS.

Para Tono Chouciño,  sendo grave a situación actual "aínda pode empeorar se o novo centro non se dota do persoal suficiente, pois actualmente a lei permite a libre elección de persoal médico e de enfermería fóra do teu municipio de residencia, polo que previsíbelmente persoas que viven en Palavea ou A Ponte Pasaxe, e que agora van aos centros de Saúde do Castrillón ou Matogrande, optarán por cambiarse para o do Portádego, moito máis próximo ás súas casas".

O voceiro do BNG-Asembleas Abertas en Culleredo manifestou que están a estudar dar translado ao Parlamento Galego dunha pregunta sobre a deficiente cobertura das ausencias no Centro de Saúde e sobre a situación do novo Centro do Portádego, e a súa dotación de medios persoais e materiais.

Queixas pola falta de médicos no Centro de Saúde