PSOE e APdC rexeitan garantir o benestar dos veciños e veciñas de Culleredo

PSOE e APdC rexeitan garantir o benestar dos veciños e veciñas de Culleredo

No pleno do pasado xoves o Bloque Nacionalista Galego de Culleredo presentou unha moción con distintas propostas concretas que buscaban que o Goberno Municipal se posicionase en defensa do benestar dos veciños e veciñas de Culleredo, e que foron rexeitadas polo Goberno Municipal.

Propostas como o aumento do orzamento destinado a gasto social, até o 12% do total, aumentando as axudas directas ás familias (que hoxe teñen un máximo de 1043€ anuais), ante as demoras nos pagos do FOGASA  e da RISGA, que levan ás familias a situacións de verdadeira necesidade e a depender da labor de ONG´s voluntarias.

Pediamos tamén a reposición das prazas de educadora social e psicóloga eliminadas no departamento de Servizos Sociais, e a continuidade da labor levada a cabo pola Comisión Municipal de Desafiuzamentos, no apoio aos nosos veciños fronte ás entidades bancarias e ás compañías subministradoras de auga, gas e electricidade.

Por último solicitabamos que se realizase por parte do Concello a cesión dos terreos necesarios para a construción doutro Colexio de Infantil e Primaria, pois o novo xa nacerá coa súa capacidade sobrepasada, e a cesión dos baixos da Escola Infantil Fonte da Balsa para a ampliación da oferta de prazas de 0 a 3 anos.

Superávit financeiro, déficit social

Dende o BNG denunciamos que, malia o Goberno Municipal presumir de superávit financeiro, o que se está a evidenciar é o seu importante déficit de sensibilidade mentras os seus veciños e as súas veciñas teñen que recorrir á caridade para cubrir as súas necesidades básicas, e solicitamos se dispoñan as medidas orzamentarias necesarias de cara a 2015 e se tomen as medidas necesarias para garantizar o seu dereito a unha vida e a uns servizos públicos dignos.

PSOE e APdC rexeitan garantir o benestar dos veciños e veciñas de Culleredo