CONTRATACIÓN PÚBLICA

Novas achegas do BNG ao contrato de limpeza viaria

Limpeza mensual de macroobxectos na marxe da Ría, cláusulas sociais, inclusión do servizo de mantemento dos váteres públicos, pipicáns, servizo de mantemento dos lavadoiros tradicionais, ou mesmo que se corrixa a referencia ao Convenio Colectivo do sector, que ao noso entender non é o de "ocio educativo e animación sociocultural".

Novas achegas do BNG ao contrato de limpeza viaria

O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo presentou no rexistro municipal novas achegas ao contrato de limpeza viaria, contrato que, despois de ir ao Pleno en dúas ocasións, segue sen estar licitado e prestándose en precario.

A proposta presentada recolle aportacións xa realizadas polo BNG como son a limpeza de macroobxectos da marxe da Ría do Burgo, cunha periodicidade mensual, ou un servizo de mantemento dos váteres públicos instalados no Paseo Marítimo. Malia ter sido aprobadas no Pleno, estas medidas aínda non foron postas en marcha, polo que consideramos se deberían incorporar a este contrato para darlles efectividade.

Solicítase tamén a elaboración dun mapa das zonas máis concorridas para a creación dos pipicáns, que xa se incluiron no contrato a instancias do BNG, que o establecemento dun prazo de 6 meses, a partir da formalización do contrato, para a súa instalación.

Outras melloras son a creación dun servizo de limpeza dos lavadoiros tradicionais, o desglose nos pregos dos importes de cada prestación, ou a corrección da referencia ao Convenio Colectivo do sector, xa que os pregos de contratación aluden ao de "ocio educativo e animación sociocultural".

Tono Chouciño lembra que o BNG-Asembleas Abertas aposta pola remunicipalización do servizo pero que, de non ser esta posíbel, "deberíanse introducir cláusulas sociais para a contratación deste servizo con Centros Especiais de Emprego e Empresas de Inserción Sociolaboral, ou cando menos preparar o camiño de cara ao futuro e incluír nos pregos unha cláusula para que se valore que as novas incorporacións á plantilla sexan persoas cunha minusvalía certificada".

Novas achegas do BNG ao contrato de limpeza viaria