TRANSPARENCIA

Non prospera a proposta do BNG de investigar a obra do Río Trabe

Río Trabe - obra muro contención
A inclinación do noiro do Río Trabe supera, en moito, o 25% que figura no proxecto

A moción presentada polo BNG para investigar as irregularidades nas obras do Río Trabe tivo o apoio de todos os grupos da oposición menos os da Marea e Cidadanos, que ao absterse facilitaron que a proposta fose rexeitada cos votos do PSOE.

Un informe do Xefe de Servizo de Arquitectura e Urbanismo pon en evidencia graves diferenzas entre o proxecto orixinal e o executado en temas como o sistema previsto, o tramo de actuación, a pendente ou os materiais empregados.

A inclinación do noiro pasou do 25% que figuraba no proxecto, ao 50% e até o 60%, sen constar estudos técnicos previos, podendo afectar á seguridade estrutural.

Non prospera a proposta do BNG de investigar a obra do Río Trabe

A proposta do BNG de investigar a obra do Río Trabe non prosperou no pleno do pasado xoves polo bloqueo do goberno e os seus colaboradores necesarios, Marea e Ciudadanos, que se abstiveron na votación da moción, que si foi respaldada polo resto dos grupos da oposición.

Tal e como denunciou o BNG en reiteradas ocasións, a obra executada non se corresponde co proxecto aprobado, incluíndose modificacións sen constar estudos técnicos previos. A inclinación do muro de contención pasou do 25% ao 50% e até o 60%, verificábel a simple vista, que podería dar lugar a novos derrubamentos.

Segundo un informe do Xefe do Servizo de Arquitectura e Urbanismo existen graves diferenzas entre o proxecto orixinal e o executado en temas como o sistema previsto, o tramo de actuación, a pendente ou materiais empregados. Manifesta tamén este Xefe de Servizo que a obra se executa nun solo de especial protección de ribeiras e canais, onde a Lei 2/2016 de Solo de Galiza impide este tipo de actuacións.

As irregularidades detectadas motivaron tamén que o servizo do PACPRONA da Garda Civil dese traslado ao Xulgado das mesmas, e o informe contrario da Intervención municipal á recepción da obra.

Tono Chouciño lembra que cando se denunciaron estas irregularidades o actual alcalde, José Ramón Rioboo, era Concelleiro de Obras, Servizos, Medio Ambiente e Seguridade, polo que tiña as principais responsabilidades na materia, e xa como alcalde permitiu a continuidade da obra a pesar de contar xa con informes en contra.

Para o representante do BNG "é incomprensíbel que dúas formacións que se denominan "renovadoras" colaboren co goberno municipal para ocultar o que puido ocorrer cun contrato negociado sen publicidade, por un importe superior aos 140.000€, e que acumula tantas irregularidades como as detectadas neste; irregularidades que poden afectar á seguridade estrutural do paseo".

Non prospera a proposta do BNG de investigar a obra do Río Trabe