O Goberno Municipal impide a fiscalización da CLT de Ledoño

O Goberno Municipal impide a fiscalización da CLT de Ledoño

O voto negativo do PSOE, xunto coa abstención de Ciudadanos e Marea Veciñal, evitou que prosperara unha moción demandando investigar porqué a empresa concesionara puido estar 15 anos sen cumprir o estipulado no contrato, e as responsabilidades nesa falta de control.

De acordo coa valoración dos técnicos municipais a perda patrimonial para o Concello elévase a 3.773.334 €

No pleno do pasado xoves, o voto do grupo municipal do PSOE, unido á abstención de Ciudadanos e Marea Veciñal, impediu a aprobación da moción do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo, onde se demandaba a incoación dun expediente de depuración de responsabilidades pola falta de cumprimento das obrigas da empresa concesionaria do Centro Loxístico de Transporte de Ledoño.

Tanto o PSOE como a MVC xustificaron a súa negativa a apoiar a moción en que actualmente está en trámite un expediente de resolución do contrato baseado na entrada da empresa en fase de liquidación, obviando os seus numerosos incumprimentos do estipulado no contrato de concesión.

Estes incumprimentos atópanse documentados no expediente de resolución e son facilmente constatables, como tamén é doado de constatar que a Comisión de Seguimento da concesión non cumpriu coa súa función de coidar do seu cumprimento, e a pesar de que o Concello participaba no Consello de Administración do CLT.

Entre eles están a construción dun hotel, áreas deportivas e comerciais, zonas verdes ou o deficiente mantemento xeral do polígono, que deberían revertir no Concello e nunca foron, nos 15 anos de funcionamento, reclamados dende a Administración local, supondo unha perda patrimonial para Culleredo de máis de 3,7 millóns de euros, de acordo coa valoración feita polos técnicos municipais.

En palabras de Tono Chouciño, voceiro nacionalista, "estes incumprimentos son xa definitivos e están enumerados e acreditados polos técnicos municipais, polo que a negativa a iniciar o expediente só responde á intención do equipo de goberno de esconder o que pasou".

O Goberno Municipal impide a fiscalización da CLT de Ledoño