INFRAESTRUTURAS

O Goberno local de Culleredo sen alternativas para a conexión entre a AP9 e o aeroporto

vial18 proxecto rexeitado
Proxecto do Vial 18 rexeitado e devolto polo Ministerio de Medio Ambiente

O BNG preguntou ao Goberno Municipal no último Pleno pola súa alternativa para a conexión entre a AP9 e o aeroporto, obtendo apenas unha resposta vaga do Sr. Alcalde, incapaz de aclarar cal é a postura e as propostas coas que acude o Goberno Municipal ás xuntanzas que se están a celebrar polas infraestruturas na Comarca.

O Goberno local de Culleredo sen alternativas para a conexión entre a AP9 e o aeroporto

O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo, á vista das últimas noticias sobre as infraestruturas na Comarca, preguntou no último Pleno ao Goberno Local cal era a súa alternativa para a conexión entre a autoestrada AP9 e o aeroporto, principal reto a curto prazo no noso Concello, agora que o proxecto do Vial 18 tramitado polo Ministerio de Fomento, devolto e arquivado polo Ministerio de Medio Ambiente hai case un ano, parece estancado.

A vaga resposta do Sr. Alcalde, D. José Ramón Rioboo non só está lonxe de aclarar a postura deste Goberno nas xuntanzas que tiveron e terán lugar, senón que tampouco deixa ver se o Goberno Municipal vai a esas xuntanzas con algún tipo de postura ou proposta.

Tono Chouciño lembrou no Pleno que o anterior Alcalde, D. Julio Sacristán, informara de que volvía a estar en estudio a conexión do aeroporto á autoestrada AP9 a través da área de servizo de Almeiras, polo que o proxecto de Vial 18 parece carecer de xustificación.

A conexión por Almeiras estaba prevista xa no Plan Move 2010-2015, cunha lonxitude de medio quilómetro e un custe previsto de 2,2 millóns de euros, dotando a Culleredo dun acceso directo á autoestrada. Pola contra, o proxecto do Vial 18 prevía unha vía de 1,5 quilómetros que custaría perto de 20 millóns de euros e suporía o derrube de polo menos 5 vivendas e afeccións de diverso tipo a outras vivendas e ao medio ambiente.

O representante nacionalista lembra a ligazón existente entre o Vial 18 e o PXOM en trámite, "houbo que incluír unha reserva de solo para o proxecto. Agora parece carente de toda lóxica que se siga mantendo e non sabemos se na última versión do PXOM é así. O Goberno Municipal debería sabelo, pero dá a calada por resposta.

Para Tono Chouciño "non debemos estar por regalarlles os nosos cartos nin aos donos de Audasa nin aos grandes promotores que están esperando que lles fagamos entre todos os accesos aos desenvolvementos urbanísticos que pretenden facer na Zapateira", polo que é necesario que o Goberno Municipal defina e defenda a alternativa que máis beneficie ao conxunto da sociedade de Culleredo.

O Goberno local de Culleredo sen alternativas para a conexión entre a AP9 e o aeroporto