EMALCSA

O Goberno de Culleredo concede 3 anos máis a EMALCSA para rematar o depósito de Almeiras

depósito emalcsa almeiras 20190810
Estado actual das obras de EMALCSA en Almeiras

A obra iniciouse o 19 de xuño de 2017 e tiña un prazo de execución de 6 meses.

EMALCSA ten tamén paralizadas as obras na Avenida de Ribados, por carecer de licenza municipal.

O BNG demanda saber cal é a situación actual das obras e as compensacións solicitadas á empresa e ao Concello da Coruña.

O Goberno de Culleredo concede 3 anos máis a EMALCSA para rematar o depósito de Almeiras

O Goberno socialista de Culleredo ven de conceder á Empresa Municipal de Augas da Coruña (EMALCSA) unha prórroga de 3 anos para rematar a construción do depósito que esta empresa comezou en Almeiras o 19 de xuño de 2017, e que contaban cun prazo inicial de realización de 6 meses.

Para o BNG e Culleredo esta ampliación supón a "bendición" do equipo do Sr. Rioboo de todas as demoras que acumula o proxecto, prolongando sine die unha situación perigosa para a veciñanza e de deterioro severo do entorno, situación que se repite nas obras desta mesma empresa na Avenida Ribados, paralizadas por carecer de licenza municipal.

O voceiro do BNG de Culleredo, Tono Chouciño, lembra que o goberno local asegurou antes das últimas eleccións que a situación era "indignante", e o Sr. Alcalde afirmou que o Concello estudiaría a paralización da obra de Almeiras e a reposición dos terreos ao estado inicial, así como que EMALCSA deberia "pagar el canon por ampliación del plazo de ejecución, que revertirá en la posterior humanización da la zona".

"A veciñanza de Culleredo, e a de Almeiras por ser a directamente afectada, merece saber cal é a situación actual das obras, que xestións se levaron a cabo dende o Goberno municipal para asegurar o remate das mesmas, e as compensacións demandadas tanto perante a propia empresa como perante o Goberno Municipal da Coruña, do que depende esta empresa pública, que parece ter carta branca no noso Concello".

O Goberno de Culleredo concede 3 anos máis a EMALCSA para rematar o depósito de Almeiras