ESCOLARIZACIÓN

Demandamos un plan con medidas para solventar os problemas de escolarización en Culleredo

novo IES Rego de Trabe

O BNG leva ao pleno demandar á Xunta de Galiza un plano educativo que resolva os problemas de escolarización, procurando as condicións de calidade exixíbeis.

O diálogo permantente coa comunidade educativa permitiunos identificar unha serie de situacións ás que cumpre dar resposta.
 

Demandamos un plan con medidas para solventar os problemas de escolarización en Culleredo

O BNG de Culleredo levará ao próximo pleno unha moción en demanda dun plano educativo para resolver os problemas de escolarización, e conseguir que esta se realice nas condicións de calidade exixíbeis. Imos un paso máis alá do mero enunciado e elaboramos unha lista de situacións ás que se debe dar resposta, froito do diálogo permanente coa comunidade educativa.

Na última Comisión de Escolarización de Culleredo volveu quedar patente a improvisación coa que se toman as decisións en materia educativa no noso Concello, tal e como ven denunciando o BNG dende hai tempo, e que os problemas, cando non se resolven axeitadamene, van a máis.

A falta dunha planificación a longo prazo leva a que un instituto recén construído, como o Rego de Trabe, sexa xa insuficiente para dar servizo á demanda existente, e o novo colexio naza con menos de 100 prazas de escolarización ocupadas, das 450 para as que foi deseñado.

Un ano máis seguirán a saír 7 liñas de autobuses dende a zona urbana cara o colexio de Tarrío, e os alumnos e alumnas da zona rural seguirán tendo que facer o percorrido inverso para desprazarse a institutos xa masificados.

Urxe elaborarmos, de xeito consensuado, o mapa educativo que Culleredo precisa para que o alumnado e as familias non teñan que estar a sofrer, ano tras ano, as consecuencias desa falta total de previsión.

Debemos facer unha análise exhaustiva da situación actual e das previsións de crecemento poboacional do noso Concello, para acadar un mellor aproveitamento dos recursos existentes atendendo as necesidades dos alumnos e alumnas. Hai que concretar os estudos que se poden seguir en cada centro e tratar de completar a oferta educativa.

Para Tono Chouciño é hora de que o Goberno Municipal tome a iniciativa e demande á Xunta a solución aos problemas de escolización en Culleredo. "Non podemos quedar sentados a esperar que o sistema educativo simplemente colapse. Debemos traballar para conseguir que os rapaces e rapazas de Culleredo sexan escolarizados nas condicións de calidade exixíbeis a día de hoxe. Xa non é cuestión de carencia de centros, é cuestión de facer un exercizo de responsabilidade".
 

Demandamos un plan con medidas para solventar os problemas de escolarización en Culleredo