DESGOBERNO MUNICIPAL

Culleredo, o goberno do caos

convocatoria pleno urxente
Convocatoria Pleno Extraordinario Urxente

Despois do pleno inútil de novembro, esta semana o Goberno Municipal convocou un Pleno Extraordinario Urxente para aprobar a súa proposta para o Plan Único da Deputación POS+2018, unhas horas antes de que rematase o prazo, que era de 2 meses, dándolle á oposición menos de 24 horas para avaliar un expediente cun importe próximo ao millón e medio de euros.

Ao mesmo tempo, desconvocaba as Comisións Informativas do xoves e anunciaba a súa intención de non celebrar o preceptivo Pleno Ordinario de decembro e a súa correspondente Xunta de Voceiros, incumprindo así o Regulamento Orgánico Municipal e eliminando a posibilidade de control da labor do Goberno pola oposición.

Culleredo, o goberno do caos

O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo amosa a súa preocupación polo caos que no parece estar instalado nos últimos meses o Goberno Municipal de Culleredo despois do último episodio, vivido esta semana, coa convocatoria dun pleno extraordinario e urxente para aprobar as obras a incluír no POS+2018 horas antes de que acabase o prazo de presentación de propostas ante a Deputación Provincial.

A convocatoria do Pleno foi realizada ás 14.00 do mediodía do martes e o Pleno fixouse ás 9.30 da mañá do mércores, polo que as persoas que representan as distintas forzas políticas no Pleno Municipal dispuxeron de menos de 24 horas para estudar a documentación dun expediente que ten un importe próximo ao millón e medio de euros. Ao mesmo tempo, desconvocaron as Comisións previstas para o xoves e notificaron que tampouco se celebrarían a Xunta de Voceiros nen o Pleno ordinario.

Isto supón eliminar de facto a posibilidade de que a oposición controle a labor do Goberno Municipal, de que realice aportacións que beneficien aos veciños e veciñas do Concello, e tamén supón a eliminación do dereito fundamental, recoñecido pola Constitución, deses veciños e veciñas a participar e coñecer directamente o estado dos asuntos do Concello asistindo á sesión plenaria ordinaria, que ten fixada unha periodicidade mensual.

Xa o mes pasado se celebrou un Pleno Extraordinario, para a aprobación de modificacións nas ordenanzas fiscais, que era totalmente prescindíbel, pois esas modificacións non poderán entrar en vigor até o exercizo 2019 por non ter sido presentadas a tempo. Podían terse aprobado no seguinte pleno ordinario sen que supuxeran un gasto a maiores para os contribuíntes do noso Concello.

Tono Chouciño manifestou a súa preocupación por este xeito de proceder e a súa sorpresa pola convocatoria urxente dun pleno "para un asunto perfectamente coñecido e previsíbel, que contou cun prazo de presentación de propostas de 2 meses do que todo o Goberno Municipal era plenamente coñecedor, porque non chegaron aí hai dous días, levan xa tempo, o actual alcalde era até hai pouco primeiro tenente de alcalde e responsábel do departamento municipal de obras. Un expediente desta complexidade e deste importe económico non se pode estudar e valorar coa premura de tempo que se nos exixiu, que dá idea da falta de rumbo e da improvisación que reina agora mesmo en Culleredo, que chega ao caos".

Culleredo, o goberno do caos