Imprimir

O BNG propón modificacións na taxa pola subministración de auga potábel

bngculleredo | 06 de Outubro de 2018

O servizo de subministración de auga potábel está a prestarse en precario dende 2015, logo dunha prórroga de un ano aprobada malia os reparos de Intervención e da Secretaría municipais.

O BNG solicita que se desconte dos recibos o canon que debería pagar a empresa concesionaria, segundo o estudo económico incluído no prego de contratación presentado en 2015.

Solicita tamén que se estuden descontos pola mala calidade na prestación do servizo, en función dos días no que este é deficiente, e que os recibos se pasen ao cobro unha vez rematado o prazo de recurso contra a taxa.
 

O Concello de Culleredo está dende o ano 2015 sen contrato do servizo de abastecemento de auga potábel, estando a prestar o servizo en precario a empresa que resultou adxudicataria do mesmo no ano 1989, 26 anos antes.

En 2014 o seu contrato fora prorrogado un ano máis cos informes en contra da Intervención e da Secretaría municipais. Tempo despois de que esa prórroga vencera o Goberno Municipal, daquela dirixido por Julio Sacristán e con José Ramón Rioboo de primeiro tenente de alcalde, presentou uns pregos de contratación nos que a empresa concesionaria debería abonar un canon de 50.000€ unha vez descontados os custos da prestación do servizo.

Aínda que ese proceso de contratación foi anulado polo Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais por non axustarse aos tipos de contratación legalmente establecidos, o BNG de Culleredo entende que o estudo económico no que se basou a súa esixencia seguiría a ter vigor, e a empresa concesionaria estaría a beneficiarse de 10.000€ anuais que deberían ir ás arcas municipais.

O voceiro nacionalista, Tono Chouciño, atendendo ao requerimento do Goberno Municipal de ideas para mellorar os regulamentos fiscais, propón que esa cantidade prevista como canon mínimo nos pregos de contratación presentados polo Goberno Municipal en 2015 sexa descontada dos recibos que pagan os veciños e veciñas de Culleredo.

Na mesma liña, solicita o establecemento de descontos pola mala calidade na prestación do servizo, descontos que se graduarían en función dos días nos que este é deficiente, tal e como teñen reclamado numerosos veciños e veciñas perante os repetidos incidentes de turbidez das augas.

A terceira modificación solicitada é que se estude a posibilidade de pasar ao cobro o recibo unha vez finalizado o período de recurso que todo cidadán ten dereito a exercer. Na actualidade a taxa cóbrase antes de expirar ese prazo.

Tono Chouciño lembra que a principios de este ano o Alcalde, José Ramón Rioboo, e a concelleira de Patrimonio e Contratación, Marta Iglesias, prometeron licitar o servizo no primeiro semestre de 2018, "estamos en outubro e segue sen licitarse o concurso, nen ten trazas de ser licitado en breve. Sendo este un servizo servizo básico debemos procurar un reparto máis xusto da carga tributaria, polo que entendemos que estas modificacións deberían ser facilmente asumíbeis polo actual Goberno Municipal".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas2/bng-propon-modificacions-taxa-pola-subministracion-auga-potabel/20181006165740001839.html


© 2018 Bloque Nacionalista Galego de Culleredo

Bloque Nacionalista Galego de Culleredo

Rúa do Concello s/n

15189 Culleredo

culleredo@bng-galiza.org