O BNG pide información dos depósitos da auga en Almeiras

Preguntas polos depósitos de auga en Almeiras
O BNG pide información dos depósitos da auga en Almeiras

O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo rexistrou, para a súa constestación no pleno deste xoves, varias preguntas referentes aos novos depósitos de auga que se proxectan construír na parroquia de Almeiras e que teñen a súa construción en fase de licitación pola Empresa Municipal de Augas da Coruña (EMALCSA).

O BNG, que ten pedido o proxecto técnico das instalacións para coñecer as súas características, demanda coñecer tamén cal é o encaixe deses depósitos no PXOM, tanto no que está actualmente en vigor como no que se atopa en tramitación, e como afecta ás parcelas circundantes. Pregúntase ademais polas alternativas que se manexaron para a construción dos depósitos e cal foi o posicionamento do Goberno Municipal de Culleredo na tramitación do proxecto.

Tono Chouciño lamenta á nula información que dende as administracións implicadas, a Xunta de Galiza e os concellos da Coruña e Culleredo, se está a facilitar á veciñanza afectada "repetindo os erros do 2008, cun obscurantismo sorprendente vindo de administracións que presumen de participativas e aperturistas".

 

 

O BNG pide información dos depósitos da auga en Almeiras