O BNG de Culleredo consegue o apoio unánime da corporación para tres grandes reivindicacións sociais

AP-9 ao seu paso por Vilaboa
AP-9 ao seu paso por Vilaboa

O BNG acadou o compromiso da corporación para reclamar a suspensión do anteproxecto do Vial 18 ao non contemplar a ampliación da AP9 a catro carrís por sentido.

O vindeiro curso escolar é unha incerteza en canto a medidas de seguridade e calidade educativa, polo que se solicita á Consellería de Educación unha normativa urxente.

Apoio unánime para as reivindicacións das persoas LGTBIQ+ con motivo da celebración do Orgullo.

O BNG de Culleredo consegue o apoio unánime da corporación para tres grandes reivindicacións sociais

O Concello de Culleredo aprobou, por unanimidade, as tres propostas presentadas polo BNG ao pleno ordinario deste mes de xuño. Isto tradúcese, por un lado, no apoio ás alegacións da veciñanza afectada polo Vial 18; tamén, a favor das reivindicacións do colectivo educativo ante a falta de información cara ao novo curso; e, por último, a adhesión á petición polos dereitos das persoas LGTBIQ+.

A tramitación do anteproxecto para a construción do Vial 18 que conecta a autoestrada coa Terceira Rolda a través da Laxe non contempla o proxecto na súa totalidade. Agocha o que será o proxecto principal e con maior afectación, a ampliación da AP9 a catro carrís por sentido, que no propio anteproxecto e estudio medioambiental se menciona como parte fundamental para levar a cabo a construción do Vial 18. O BNG de Culleredo acadou o apoio unánime á súa moción para reiterar as alegacións presentadas ao proxecto e a solicitude da súa retirada ao Ministerio para la Transición Ecológica y Reto Demográfica, quen recibiu o estudo de impacto ambiental o pasado 4 de xuño para o seu estudo. A documentación enviada ao Ministerio deberá ser difundida por medios municipais.

A comunidade escolar mantén a incerteza en relación o novo curso que se aproxima. O BNG conseguiu con esta iniciativa que o Concello de Culleredo esixa á Consellería de Educación a publicación inmediata da normativa que permita a volta ás aulas asegurando unha educación de calidade coas medidas de seguridade precisas e a convocatoria urxente do CEM.

Por último, e co gallo da celebración do Orgullo LGTBIQ+, a Corporación Municipal adheriu, por unanimidade dos seus grupos, á iniciativa do BNG para rexeitar a calquera forma de discriminación por orientación sexual ou identidade de xénero e para respectar os dereitos humanos das persoas LGTBIQ+.

O BNG de Culleredo consegue o apoio unánime da corporación para tres grandes reivindicacións sociais