Imprimir

O BNG apoia as demandas da veciñanza de Castro e Laxe

bngculleredo | 07 de abril de 2019

retencións na Laxe
retencións na Laxe

O BNG de Culleredo apoiará a alegación presentada pola veciñanza de Castro e Laxe aos orzamentos municipais para este ano, que aínda están en tramitación.

O BNG ten demandado para Castro e Laxe unha solución ao problema de tráfico, completar a dotación de saneamento e auga potábel na parróquia e a elaboración dun plan especial para a ampliación do Centro Social.

O modelo de orzamentos participativos do goberno do PSOE fracasou pola falta de promoción dunha participación real nen dos veciños e veciñas nen do tecido asociativo.

O BNG de Culleredo, por medio do seu portavoz Tono Chouciño, transmitiu á veciñanza de Castro-Laxe o seu apoio ás demandas de melloras na seguridade viaria e no acceso a servizos básicos, que a día de hoxe deberían estar cubertos na totalidade do Concello.

A ausencia de solución a unha demanda que os veciños e veciñas levan reiterando dende hai 25 anos é unha mostra do fracaso do modelo de orzamentos participativos levado a cabo polo goberno do PSOE, sen promover de nengún xeito unha partipación real dos veciños e veciñas de Culleredo nen do tecido asociativo. O BNG apoiará a alegación da veciñanza aos orzamentos do presente ano, que aínda se encontran en tramitación.

O portavoz nacionalista lembra que o BNG ten reclamado en varias ocasións unha solución ao problema do tráfico na zona e a realización dunha circunvalación que aparece xa recollida no PXOM en trámite. Ten defendido tamén a demanda daqueles veciños que aínda non contan con saneamento e abastecemento de auga potábel na parróquia, e reclamado a elaboración dun plan especial para posibilitar a ampliación do Centro Social, que segue sen realizarse malia as repetidas promesas do Goberno Municipal e figurar en varios anos nos orzamentos municipais.

Para Tono Chouciño "é inexplicábel como entidades privadas poden finalizar plans especiais de equipamentos, e o Goberno Municipal de Culleredo non o consigue nen para o Centro Social de Castro e Laxe, nen para dotarnos dun cemiterio municipal. Só pode ser por desidia, por incapacidade, ou por ambas. Sexa como for, Culleredo presisa un goberno resolutivo e participativo, e dende o BNG estamos traballando para darllo."

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas1/bng-apoia-demandas-da-vecinanza-castro-laxe/20190407180647001894.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego de Culleredo

Bloque Nacionalista Galego de Culleredo

Rúa do Concello s/n

15189 Culleredo

culleredo@bng.gal