O BNG chama á mobilización en defensa do tren e contra o recorte de servizos

O BNG chama á mobilización en defensa do tren e contra o recorte de servizos

O BNG da comarca da Coruña súmase á mobilización convocada para hoxe xoves polos comités de empresa de RENFE e ADIF contra a supresión de servizos e contra a privatización do ferrocarril. A manifestación partirá ás 20h da estación de San Diego (fronte á Casa do Mar) e rematará na estación de San Cristovo.

Galiza é unha das zonas máis prexudicadas polos recortes de servizos ferroviarios, coa supresión de 72 servizos semanais, moi lonxe dos 11 de Asturias, dos 18 de Cantabria, dos 12 de Euskadi ou dos 28 da Comunitat Valenciana. E isto, apuntan as nacionalistas, malia sermos a autonomía con maior dispersión de poboación de todo o Estado e de carecermos de servizo de proximidade.

En concreto, Culleredo veu reducidas as súas frecuenzas tanto coa cidade da Coruña como con Ferrol. E iso malia que, trala repercusión que tivo a supresión de servizos inicial, se repuxo algún horario e se recuperou a conexión co Campus de Elviña, aínda que dun xeito máis teórico que práctico, pois os horarios seguen sen ser funcionais para as persoas que se queiran trasladar por razóns de traballo e/ou estudos, e os billetes se encareceron sensiblemente.

O BNG advirte de que o Plan de Fomento deixa fóra do Eixo Atlántico a Ferrol e de que a liña A Coruña-Lugo-Monforte vai manter os servizos de longa distancia con Madrid e Barcelona pero que perde un dos tan só dous trens de media distancia que ten.

O BNG denuncia que o tren que sae de A Coruña ás 8.35h custa 25,20 euros para chegar a Ourense e 19,90 euros para chegar a Madrid

Por último, as nacionalistas acusan a Fomento de empeñarse, a fondo, na súa campaña de maquillaxe de eliminación de 72 servizos, a través da promoción do prezo do billete a Madrid. Resulta incomprensíbel, incríbel e absurdo que o tren que sae de A Coruña ás 8.35h custe 25,20 euros para chegar a Ourense e 19,90 euros para chegar a Madrid. Con estes prezos, salienta o BNG, o tren nunca será competitivo.

Fronte a este despropósito, as nacionalistas reivindican un tren de proximidade que permita a comunicación interna da nosa comarca, un medio de transporte sustentábel, asequíbel, cómodo e seguro, que reduce o número de vehículos das estradas.