CONTRATACIÓN PÚBLICA

Solicitamos explicacións sobre a situación do Complexo Deportivo da Garrocha

20171021 a garrocha rc
Complexo Deportivo da Garrocha

O BNG pediu información ao Goberno Municipal da situación das instalacións do Complexo Deportivo da Garrocha, tralas numerosas queixas recibidas de persoas usuarias.
Unhas instalacións que poderían ser un referente a nivel comarcal, que inclúen unha piscina de 25 metros, están nun estado de total abandono e infrautilización.

Solicitamos explicacións sobre a situación do Complexo Deportivo da Garrocha

Perante as numerosas queixas recibidas de persoas usuarias das instalacións, o BNG-Asembleas Abertas de Culleredo, interesouse ante os responsábeis municipais pola situación das instalacións do Complexo Deportivo da Garrocha e polas actuacións levadas a cabo para esixir o cumprimento das súas obrigas pola concesionaria.

As instalacións, que son propiedade municipal, están a ser explotadas en réxime de concesión, tendo a concesionaria a obriga do seu correcto mantemento e comprometéndose ao pagamento dun canon que os 5 primeiros anos era de 2 millóns de pesetas (aproximadamente 12.000€) e os restantes de 4 millóns de pesetas (aproximadamente 24.000€).

Logo de solicitar acceso ao expediente, o voceiro nacionalista non puido comprobar a efectividade dos pagamentos, nen documentación que acredite as comprobacións do correcto mantemento das instalacións, o que viría amosar o "pouco interese do Goberno Municipal por unhas instalacións que poderían ser punteiras na área metropolitana, máxime co déficit de instalacións deportivas que temos en Culleredo".

Para Tono Chouciño "é paradoxal que haxa clubes de natación de Culleredo que se teñen que desprazar a concellos limítrofes, mentras nos permitimos o luxo de ter unha piscina de 25 metros na Garrocha en estado de total abandono".

O representante do BNG solicitou a publicación de todos os documentos da licitación na web municipal "para que todo o mundo teña acceso a comprobar as condicións que debe cumprir a concesionaria. Non sería a primeira vez que o Concello ten que devolver as garantías a un concesionario que claramente incumpría as súas obrigas. Non queremos que se repita". 

Solicitamos explicacións sobre a situación do Complexo Deportivo da Garrocha