SERVIZOS PÚBLICOS

O servizo de axuda a domicilio de Culleredo sen contrato

Tono Chouciño

O contrato para a xestión do servizo de axuda a domicilio, cun importe de 646.006,44 euros anuais, venceu o 8 de febreiro sen que se presentaran os pregos para a súa renovación. Súmase así aos outros 6 servizos que están a prestarse sen contrato, elevando os pagos irregulares do Concello a máis de 1.200.000 euros/anuais.

O goberno de Julio Sacristán amósase incapaz de cumprir as súas obrigas, ben porque non queren, ben porque non saben. Esquecen que os xestores dos recursos públicos deben respetar o marco legal igual que o resto dos cidadáns. Non se poden xestionar os fondos públicos sen control.

O servizo de axuda a domicilio de Culleredo sen contrato

O contrato para a xestión do servizo público de axuda a domicilio, cun importe de 646.006,44 euros/ano, venceu o pasado 8 de febreiro sen que até o momento se presentaran os pregos para a súa renovación, algo que debería ter sido feito con anterioridade ao seu vencemento, o que eleva os pagos irregulares do Concello a 1.200.000€ anuais.

O servizo presta asistencia a persoas de idade avanzada ou con dificultades de mobilidade para o aseo e coidado persoal, a axuda á mobilización da propia persoa dentro do fogar, a axuda para a inxesta de alimentos, ou o acompañamento fóra do fogar para facer xestións, accións todas elas básicas e que tentan garantir a autonomía persoal, previr o deterioro individual e contribuír á integración e permanencia destas persoas na súa contorna habitual de vida. Trátase pois dun servizo básico, e non se entende como non mereceu un mínimo interés do Goberno de Julio Sacristán. 

Tono Chouciño manifestou a súa preocupación, xa que "ven sumarse aos outros 6 servizos públicos que xa se están a prestar sen contrato, como o servizo de subministro de auga, ou o de limpeza viaria. Só dende a desidia ou a incapacidade manifesta dos responsábeis municipais pode explicarse esta situación. O goberno de Julio Sacristán está a amosarse incapaz de cumprir as súas obrigas legais".

Para o voceiro nacionalista esta situación supón un novo incumplimento das funcións propias do Goberno Municipal, "a xestión pública está suxeita ao marco legal igual que a do resto dos cidadáns, e agora mesmo os orzamentos municipais destinan máis de 1.200.000€ a servizos prestados sen contrato. Non sabemos a que se dedica o Goberno Municipal. A calquera cousa menos a gobernar este Concello".

Tono Chouciño expresou a súa comprensión con Julio Sacristán xa que "33 anos no cargo son moitos anos, todo cansa, pero debe entender que é hora de dar un paso ao frente e asumir que Culleredo precisa abrir un tempo novo, con xente nova con ganas de traballar para axudar aos seus veciños e veciñas a sacar este Concello adiante".

O servizo de axuda a domicilio de Culleredo sen contrato