MEDIO AMBIENTE

Queixas polas talas no recinto da Laboral

O BNG reclama á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta coñecer o resultado da avaliación do estado das árbores, anunciada o ano pasado trala caída dunha sobre varios coches estacionados no recinto.

Cómpre compatibilizar a seguridade das persoas usuarias das instalación coa posta en valor do espazo natural, compensando as árbores taladas e substituíndo as especies foráneas, como os eucaliptos, coa plantación de especies autóctonas, poñendo en valor este espazo natural para o lecer dos nosos veciños e veciñas.

Queixas polas talas no recinto da Laboral

O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo recibiu nos últimos días numerosas queixas pola tala de numerosas árbores no Complexo Deportivo de Acea de Ama, no recinto da antiga Universidade Laboral.

Varias destas queixas fan fincapé na deterioración dun espazo natural que facía de pulmón verde dunha das zonas máis poboadas do noso Concello, con varios centros educativos ao seu redor, e onde numerosos veciños e veciñas acuden a diario a practicar deporte.

A principios do ano pasado, trala caída dunha sobre varios coches aparcados, a Xunta anunciou a realización dunha avaliación do estado de saúde das árbores. O BNG rexistrou un escrito interesándose polas conclusións dese exame, para comprobar se a recente tala, a terceira da que temos constancia nos últimos tempos, se axusta a elas.

Tono Chouciño, portavoz do BNG en Culleredo, lembrou a necesidade de compatibilidar "a debida seguridade dos usuarios e usuarias das instalacións deportivas co coidado do noso medio natural".

O BNG de Culleredo defenderá a necesidade dun plan para preservar a biodiversidade no recinto, que debe incluír a compensación das árbores taladas e a substitución de especies foráneas presentes no recinto, como son os eucaliptos, coa plantación de especies autóctonas.

"Temos un recinto privilexiado, rodeado de centros educativos e adicado fundamentalmente á práctica deportiva, pero a día de hoxe moi deteriorado. Debemos traballar por recuperalo e poñelo en valor como espazo natural para o lecer dos nosos veciños e veciñas".