ESCOLARIZACIÓN

Preocupación polos problemas continuos na escolarización en Culleredo

novo IES Rego de Trabe
IES Rego de Trabe

Culleredo ven sufrindo, ano tras ano, problemas de escolarización que non se están a resolver coa apertura dos novos centros, debido á desorganización existente.

É necesaria a elaboración consensuada dun mapa educativo axeitado para Culleredo, partindo da análise da situación actual, que planifique e concrete os estudos que se poderán seguir en cada centro, completando a oferta educativa.

Nen a Consellaría de Educación nen o Concello poden escudarse nas decisións individuais das familias para declinar as súas responsabilidades nos problemas de escolarización.

O Goberno Municipal debe velar pola calidade do sistema educativo en Culleredo, e loitar poque os alumnos e alumnos do noso Concello sexan escolarizados nas condicións de calidade exixíbeis a día de hoxe, sen agardar a que unha "man invisíbel" lles resolva a situación.

Preocupación polos problemas continuos na escolarización en Culleredo


O BNG apoia as reivindicacións das familias afectadas polos problemas de matrícula no IES Rego de Trabe, problemas que se veñen repetindo, ano tras ano, en todos os niveis educativos, malia a apertura de novos centros. Hoxe é este colectivo como hai uns meses foron os pais e nais que se comprometeron a pór en marcha os servizos básicos no novo colexio, asumindo unha labor que debería corresponder á Consellaría de Educación.

Son problemas puntuais pero que poñen de manifesto que o problema afecta a todo o sistema escolar de Culleredo, e non se están a corrixir coa apertura dos novos centros. Lonxe de acadar o reequilibrio e unha mellora da oferta educativa, estase a afondar na desorganización existente.

O BNG reitera a necesidade de elaborar un mapa educativo axeitado para Culleredo, que planifique e concrete os estudos que se poderán seguir en cada centro, petición que se trasladou en reiteradas ocasións tanto ao Concello de Culleredo como á Consellaría de Educación, sendo até o de agora ignorada pero que non pode agardar máis á vista dos problemas de prazas de cara ao próximo ano, tanto nas escolas infantís como nos colexios e institutos.

Para a elaboración deste mapa deberiase partir dunha diagnose da situación actual, por exemplo as SETE liñas de autobús que saen da zona urbana cara o Colexio de Tarrío, con todos os CEIPs por riba da capacidade para a que foron deseñados, mentras o novo colexio, de 450 prazas, vai abrir con apenas 42 solicitudes.

Pola contra, a ESO só se imparte nos centros da zona urbana, obrigando a desprazarse aos alumnos e alumnas do resto do Concello, sen que a apertura do IES Rego de Trabe solucionase os problemas de masificación que existían no IES Eduardo Blanco Amor, debido en gran medida á inclusión do Bacharelato en ambos centros, mentras diminúen as aulas desa etapa na Universidade Laboral, anteriormente o único centro onde se impartía.

Nen a Consellaría nen o Concello poden escudarse nas decisións individuais das familias para declinar a súas responsabilidades nos problemas de escolarización. Agora, que semella que xa non é cuestión de carencia de centros, teñen que tomar as medidas precisas para, dun xeito consensuado, reordenar o plano educativo de forma que por fin poidamos escolarizar aos alumnos e alumnas nas condicións de calidade exixíbeis.

Tono Chouciño lembra que "no inicio da lexislatura aprobouse unha iniciativa nosa para a cesión dos baixos da galescola Fonta da Balsa para aumentar o número de prazas, que se fixo dende aquela por ter unha nova escola infantil?: nada. Este ano viñeron para Culleredo a metade de curso 160 escolares que houbo que escolarizar nos centros existentes, tendencia que vai á alza dado o aumento de poboación do noso Concello, onde imos meter os que veñan durante o próximo curso?".

Para  o voceiro nacionalista  "son situacións recurrentes, totalmente previsíbeis, das que as autoridades educativas deberían ser conscientes, e que levan anos sen resolver en Culleredo mentras os principais prexudicados, os alumnos e alumnas, pagan as consecuencias ante a indolencia ou incapacidade, non sabemos que é peor, dos responsábeis políticos. O goberno municipal debería velar pola calidade do sistema educativo no noso Concello, sen esperar unha "man invisíbel" que veña sacarlle as castañas do lume, para iso temos unha Concelleira de Educación con dedicación exclusiva e salario a costa de todos nós. Se non o considera así que renuncie."

Preocupación polos problemas continuos na escolarización en Culleredo