MOBILIDADE

O Pleno aproba estudar as alternativas para o acceso á autoestrada AP9

A iniciativa, presentada polo BNG e aprobada de xeito unánime, demanda á Xunta e a Fomento a realización e publicación dun estudo rigoroso das alternativas para un acceso á AP9 e a súa conexión co aeroporto e a terceira rolda.

Precisamos saber as fortalezas e debilidades das distintas opcións para podermos facer a mellor escolla en termos económicos, sociais e medioambientais.

O Pleno aproba estudar as alternativas para o acceso á autoestrada AP9

O Pleno celebrado este xoves en Culleredo aprobou, de xeito unánime, a proposta do BNG para demandar á Xunta e Fomento a realización dun estudo rigoroso das alternativas para realizar un acceso á autoestrada AP9 que dea servizo ao noso Concello.

O estudo deberá analizar as distintas posibilidades de conexión da autoestrada co aeroporto de Albedro e a terceira rolda (AC14), e publicarse xunto coas oportunidades e ameazas que supoñería cada opción.

O voceiro nacionalista chamou a atención sobre o alto coste económico e ambiental do proxecto do Vial18, devolto polo Ministerio de Medio Ambiente a Fomento por deficiencias na súa tramitación, en detrimento doutras máis económicas e funcionais.

A Xunta de Galiza no avance do Plan Move 2010-2015 propuña un acceso á altura da área de servizo de Almeiras, cun custo de 2,5 millóns de euros e que podería axudar a aliviar o tráfico no Burgo, facilitando o acceso á AP9 aos vehículos procedentes da estrada de Almeiras (AC213) e da N550.

Para Tono Chouciño "parece que nos queren vender un proxecto cun custo que pode chegar aos 30 millóns de euros, desprezando alternativas bastante máis económicas e que poderían axudar a aliviar o tráfico tanto no núcleo urbano do Burgo como en toda a franxa urbana de Culleredo, sen aportar nengún tipo de xustificación. Precisamos ese estudo para poder facer a mellor escolla en termos tanto económicos como sociais e medioambientais".