SANIDADE

Pastillas para a paciencia no Centro de Saúde do Portádego

O BNG de Culleredo reparte  'Pastillas para a paciencia' ante o retraso reiterado na apertura do novo Centro de Saúde
Tono Chouciño no reparto de "Pastillas para a Paciencia" polos retrasos reiterados na apertura do Centro de Saúde do Portádego

O BNG de Culleredo realizou un reparto simbólico de "Pastillas para a Paciencia" para denunciar o incumprimento reiterado de todos os prazos e promesas de apertura no Centro de Saúde do Portádego. O último anuncio de apertura foi para a segunda quincena de febreiro, sen que nin sequer se recibiran as cartas informativas polas persoas afectadas.

Reivindicamos tamén a necesidade de reducir os cupos médicos mínimo a 1500 persoas por profesional, tal e como se comprometeu a Consellaría, aumentando para iso o número de profesionais.

Pastillas para a paciencia no Centro de Saúde do Portádego

O BNG de Culleredo fixo un reparto de "Pastillas para a paciencia" como protesta simbólica ante o retraso reiterado na apertura deste centro asistencial.

Tono Chouciño manifestou que este Centro é unha necesidade como primeiro paso para poder desconxestionar o Centro de Saúde de Acea de Ama, e mellorar así a calidade asistencial dos veciños e veciñas de Culleredo. "É preciso un aumento do persoal e diminuir o tamaño dos cupos actuais, que superan as 1700 persoas, cumprindo polo menos o compromiso da propia Consellaría de limitalos a 1500 usuarias por profesional".

A súa construción comezou a xestarse na época do bipartito na Xunta, administración á que lle foron cedidos os terreos xa nun lonxano ano 2009.

Tono Chouciño lembrou que na visita do presidente da Xunta, Núñez Feijoo, acompañado de varios membros do Goberno Local, co gallo do remate das obras, a principios de agosto pasado, deuse como data de apertura o mes de setembro dese mesmo ano, "e desde aquela cada mes nos chegan anuncios recurrentes da súa apertura. O último falaba da segunda quincena de febreiro, e que previamente se remitirían cartas ás persoas afectadas polos cambios para facilitarlles toda a información. Imos camiño da segunda quincena de marzo e non se recibiu nada, xa nos empezamos a preguntar se algún día o veremos aberto".

Pastillas para a paciencia no Centro de Saúde do Portádego