TRANSPARENCIA

O goberno municipal segue instalado no obscurantismo

A Garrocha
A Garrocha

Seguen sen explicar cando se deixou de cobrar o canon anual á concesionaria da Garrocha, que importes se deixaron de cobrar e que importes estarían prescritos.

Seguen sen explicar por que non se recepcionan as obras do muro de contención do Río Trabe.

Néganse á petición veciñal dunha nova exposición do proxecto de PXOM.

Empregan xustificacións absurdas para rexeitar as alegacións aos orzamentos.

O goberno municipal segue instalado no obscurantismo

No pleno municipal ordinario celebrado o pasado luns, correspondente ao mes de marzo, o goberno municipal volveu retratarse por tres veces no seu empeño de ocultar aos veciños e veciñas de Culleredo información sobre asuntos de máxima importancia do seu Concello.

A primeira ocasión foi ao rexeitar as alegacións aos orzamentos con argumentacións totalmente absurdas. Así á alegación de que non contemplan o cumprimento da obriga legal de ter un cemiterio municipal responderon que esa obriga pode ser cumprida de forma indirecta, como así é, pero non foron quen de xustificar a existencia dun contrato ou convenio, asinado polo Concello de Culleredo con terceiras persoas, que dea cumprimento a esa obriga.

A segunda ocasión perdida por este Goberno Municipal para demostrar a súa transparencia foi ao rexeitar unha nova exposición do PXOM antes da súa aprobación, para o que contaron coa colaboración inexplicábel da Marea e Cidadáns, adalides tamén noutrora da transparencia.

A terceira foi a súa negativa reiterada a contestar preguntas sobre a non recepción das obras no Río Trabe, para facer un muro de contención, e sobre o importe deixado de cobrar polo Concello á empresa concesionaria da Garrocha, durante cantos anos e se algunha desas obrigas terían prescrito.

Tono Chouciño lembrou que "no anterior pleno nos dixeron que estaban a reunir información, un mes despois seguemos sen saber cando se deixou de cobrar ese canon anual de 24.000€. A xente que paga a súa contribución, o seu imposto de rodaxe ou as taxas polas actividades municipais merece saber se todos e todas somos iguais para este Goberno Municipal ou se hai favoritismos á hora de contribuír ao mantemento dos servizos públicos". Finalizou reiterando a necesidade de identificar as persoas responsábeis desta situación e na esixencia das debidas responsabilidades.

O goberno municipal segue instalado no obscurantismo