DEBATE DO ESTADO DO MUNICIPIO

Un Goberno Municipal paralizado e sen ideas

debate estado municipio 2016
debate estado municipio 2016

O Pleno sobre o Estado do Municipio celebrado o pasado martes supuxo a posta en escena dun Goberno Municipal á deriva. A súa falta de ideas quedou demostrada nas propostas de resolución presentadas por Sacristán, na súa maioría xa presentadas polo BNG-Asembleas Abertas e incluso aprobadas con anterioridade no Pleno.

Tono Chouciño realizou novas propostas para defender aos veciños e veciñas de Culleredo fronte á inmobilidade do Goberno Municipal, como a reclamación dunha nova exposición do PXOM trala introdución das emendas, o inicio do proceso de liquidación do CLT de Ledoño, que bote luz sobre todo o proceso, e a creación dun Servizo de Disciplina Urbanística, imprescindíbel en Culleredo á vista dos antecedentes

Un Goberno Municipal paralizado e sen ideas

Das propostas de resolución presentadas polo PSOE no Debate sobre o Estado do Municipio, tan só as relacionadas con Celestino Poza, finado recentemente, eran do seu propio cultivo, as demais derivan de iniciativas levadas a pleno polo BNG-Asembleas Abertas de Culleredo, algunhas aprobadas xa por unanimidade no mesmo Pleno, como a urxencia na construción do novo CEIP, e que ao propio Goberno Municipal lle costa moito cumprir, como a participación veciñal na planificación municipal ou a contratación de servizos públicos con empresas de economía social.

O BNG propuxo que o Goberno Municipal dea conta periodicamente do cumprimento das resolucións aprobadas nos Plenos, necesidade que se fixo máis patente aínda ante a actitude irrespetuosa do Alcalde, D. Julio Sacristán, que incumpriu a mantenta o acordado na Xunta de Voceiros previa ao propio pleno, facendo un longo e rutineiro monólogo de 50 minutos cando se acordara unanimemente que a súa intervención inicial sería de 15 minutos.

Pola súa parte, o concelleiro do BNG-Asembleas Abertas, Tono Chouciño, seguiu a realizar novas propostas para avanzar no bo goberno de Culleredo, como a de iniciar o proceso de liquidación do CLT de Ledoño, aínda pendente e necesario para depurar responsabilidades e darlle utilidade aos terreos resultantes. Constituír unha nova Mesa de Contratación, pois hai un informe dun técnico municipal, o Xefe do Gabinete, que pon claramente en dúbida a validez da súa composición. Unha xestión transparente da tramitación do novo PXOM, cunha nova exposición pública, incorporando as modificacións que houbo dende o 2013, e coa asistencia de técnicos municipais para esclarecer calquera dúbida.

Por último, volvimos a insistir na necesidade de contar cun Servizo de Disciplina Urbanística, como teñen outros Concellos de parecida entidade, e que é imprescindíbel á vista dos antecedentes que son públicos e notorios en Culleredo, como poden ser o CLT de Ledoño ou o caso da urbanización de Vallesur, ou a construción do CEIP Ría do Burgo en zona verde, entre outros.

Tono Chouciño, manifestou a súa decepción pola falta de ideas de Julio Sacristán e o seu equipo, "pero non podemos quedar a espera de que se lles apareza o Espírito Santo e os ilumine, Culleredo ten que avanzar, temos unha responsabilidade para cos veciños e veciñas, tanto cos que nos votaron como cos que non, e non temos claro se esa falta de iniciativa é pola súa incapacidade ou pola súa intención de que todo siga como estaba".