TRANSPARENCIA

O goberno municipal non aclara a situación do contrato de limpeza viaria

O anterior contrato foi asinado en xaneiro de 2002 cunha vixencia de 10 anos, a razón de 450.000€ anuais. Hoxe, case 5 anos despois do seu remate, seguimos a pagar eses 450.000€ anuais, sen que consten prórrogas e sen que se actualizase o seu importe, nun contexto no que as administracións públicas reduciron os prezos das súas contratacións nun 30%.

O goberno municipal non aclara a situación do contrato de limpeza viaria

Tono Chouciño, representante do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo, preguntou ao Goberno Municipal pola situación contractual do servizo de limpeza viaria, aínda pendente de licitar despois de ir dúas veces ao Pleno e ser retidado da Orde do Día.

O voceiro nacionalista lembraba no seu escrito ao equipo de goberno que o anterior contrato foi asinado en xaneiro de 2002 cunha vixencia de 10 anos, a razón de 450.000€ anuais, sen que consten prórrogas ao mesmo dende a súa expiración no ano 2012. É unha mostra máis do abandono do Goberno Municipal das súas obrigas con respecto aos servizos básicos que debe prestar á veciñanza, moi semellante ao caso do servizo de subministro de auga potábel, que tamén se está a prestar en precario.

Na súa contestación o Goberno Municipal elude aclarar cal é o vínculo contractual polo que se está a prestar actualmente o servizo, nin se existen ou non prórrogas ao contrato que rematou hai case 5 anos, limitándose a remitirse a aquel documento.

Tono Chouciño manifestou a súa preocupación porque "o Concello leva pagados, en base a un vínculo contractual asinado hai 15 anos e vencido hai 5, máis 2 millóns de euros, cando é público e notorio que ten habido unha redución no custo das contratacións públicas, que nalgún caso chega ao 30%, tal e como se demostra noutros contratos que o propio Concello asinou recentemente". Lembrou que "o gasto público está sometido a estrictas normas de control, que ao goberno municipal parece que lle costa moito cumprir e acaban gastando os cartos dos nosos impostos sen control e da forma menos eficaz."