CEIP RÍA DO BURGO

O goberno municipal de Culleredo non recurrirá a sentenza do colexio Ría do Burgo.

plan parcial cordeda
Plan Parcial de Cordeda 2ª fase, onde se observan os terreos de titularidade municipal reservados para o Colexio

A sentenza obriga ao pago de 1,5 millóns de euros por invadir propiedade privada na construción do CEIP Ría do Burgo, incumprindo Convenio que foi proposto polo Alcalde, Julio Sacristán, a quen o Pleno facultou para "levar a bo fin o Convenio", cousa que evidentemente non aconteceu.
Segundo o Convenio o Concello debía facilitar á promotora unha parcela con 3000 m2 de edificabilidade, cando a parcela que se adquiría a tiña de 120 m2. Ademais, para poder ocupar a parcela debería tela recalificado, cousa que nunca fixo. A sentencia deixa o CEIP Ría do Burgo en condicións de precariedade urbanística.
O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo votará en contra dun Orzamento que asume un negocio que resultou ruinoso e hipoteca as arcas municipais, sen nengún tipo de depuración de responsabilidades.
 

O goberno municipal de Culleredo non recurrirá a sentenza do colexio Ría do Burgo.


En resposta á pregunta do voceiro do BNG-AA, Tono Chouciño, os representantes do goberno do PSOE aseguraron que non recurrirán a sentencia que obriga ao Concello ao pago de 1,5M€ por invadir propiedade privada na construción do CEIP Ría do Burgo. Isto contradí o anuncio inicial á prensa, debido a que os servizos xurídicos municipais estiman que non hai base para un recurso.

Tamén preguntou o voceiro do BNG polo procedemento de pago desa cantidade e si para o proxecto de orzamento vai consignada algunha cantidade. A resposta foi que efectivamente vai unha cantidade de 900.000€ para compra de terreos para facer frente a esa condena. Non se aclarou como se abordará o resto do pago ate o 1,5 millóns que establece a sentenza.

O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo estima que a responsabilidade é por completo do Sr. Sacristán, xa que no seu día o Pleno aceptou a súa proposta de aprobar o convenio e encargarlle as negociacións para levar adiante o seu cumprimento.

O Concello debía ter recalificado a parcela para poder ocupala, cousa que nunca fixo. O motivo é que a parcela pertencía a un Plan Especial de acondicionamento da zona verde do río Trabe, totalmente alleo ao plan de Cordeda ao que pertencía o terreo que xa tiña o concello para o equipamento. 

Aínda está por aclarar porqué non era abondo con esta parcela e houbo que sumarlle terreo adicional para a edificación do colexio. Tampouco está aclarado porque o edificio do colexio cambia a orientación desde o proxecto básico ao definitivo, pasando de paralelo á rúa María Cagiao a perpendicular a esta rúa, feito que acaba provocando a ocupación da parcela motivo do litixio.

Cando no ano 1999 se asinou o convenio coa promotora propietaria do terreo, o compromiso, incumprido, era entregar no prazo dun ano terreos con edificabilidade 1/1 do patrimonio municipal ou resultantes da aprobación do PXOM, cando os terreos que se adquirían tiñan edificabilidade 0,04. Isto quere dicir que os 3000m2 que se adquirían tiñan unha edificabilidade de 120m2 e o Goberno Municipal asumía que a cambio había que darlle á promotora terreos con 3000m2 de edificabilidade.

Desde o BNG-Asembleas Abertas de Culleredo temos pedido acceso aos demais convenios que ten asinado o goberno municipal posto que sospeitamos que non será a última sorpresa que levemos e tememos que o Sr. Sacristán teña máis hipotecas deste tipo que terá que pagar o pobo de Culleredo.

Ao mesmo tempo expresamos desde agora a nosa oposición a aprobar un orzamento que recolle un pago deste tipo sen que se teñan asumido ningunha responsabilidade por un negocio ruinoso que hipoteca as arcas públicas municipais, e que a día de hoxe deixa o colexio Ría do Burgo en condicións de precaridade urbanística, e demandamos unha total depuración de responsabilidades.

O goberno municipal de Culleredo non recurrirá a sentenza do colexio Ría do Burgo.