CENTRO DE SAÚDE

Falta de información na apertura do Centro de Saúde do Portádego

Dende a N550 a única beirarrúa remata nunha silveira
Dende a N550 a única beirarrúa remata nunha silveira

A falta de 5 días para a súa apertura aínda non se notificaron os cambios ás persoas afectadas. Débese garantir a posibilidade de optar a un profesional en horario de tarde para poder conciliar coas obrigas laborais e escolares, e evitar a saturación do Servizo de Urxencias.

Dende a N550 (Avda. de Vilaboa e Avda. González Garcés) é imposíbel chegar a pé ao novo centro usando as beirarrúas e os pasos de peóns, moito menos en cadeira de rodas.

Falta de información na apertura do Centro de Saúde do Portádego

Despois de 8 anos esperando a súa apertura, parece que por fin o vindeiro luns, día 24 abrirá o Centro de Saúde do Portádego, dacordo coas informacións aparecidas na prensa. O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo lamenta a falta de información oficial por parte do SERGAS tanto ás persoas directamente afectadas polos cambios dos profesionais como á poboación en xeral.

"A Xunta comprometérase a informar dos cambios por carta e a reducir os cupos a 1500 persoas, pero a falta de 5 días aínda non se sabe nada", afirma Tono Chouciño. "Chégannos informacións de que van transladarse ao Portádego varios dos profesionais de medicina de familia e pediatría dos cupos de tarde de Acea de Ama. Se isto é certo, que pasa coas persoas que tiñan xa cita para a vindeira semana? están avisadas dos cambios nas súas citas?".

Para o voceiro nacionalista débese garantir que as persoas que precisan médico ou pediatra en horario de tarde, por razóns laborais ou escolares, poidan seguir téndoo, "non pode ser que coa apertura do centro do Portádego empeore o servizo en lugar de mellorar, e esas persoas ás que se lles cambia para un cupo de mañá sen posibilidade de optar a un profesional en horario de tarde son as que despois se ven obrigadas a acudir aos Servizos de Urxencias, o que á súa vez deriva na súa saturación".

Tono Chouciño amosa tamén a súa preocupación polas dificultades de acceso ao novo Centro para os peóns, "dende a N-550, Avenida de Vilaboa e Avenida Miguel González Garcés, onde está a parada de bus más próxima ao Centro, é imposíbel chegar a pé a el usando as beirarrúas e cruzando por pasos de peóns, moito menos en cadeiras de rodas".