RÍO TRABE

Dúbidas sobre as obras do río Trabe

Muro de contención no Rego Trabe
Muro de contención no Rego Trabe

O BNG de Culleredo transladou aos organismos competentes que a obra na beira do río Trabe non se corresponde co proxecto aprobado.

Dúbidas sobre as obras do río Trabe

O BNG de Culleredo remitíu escrito á Consellería de Medio Ambiente e a Augas de Galiza coa situación da obra que se está a facer na beira do río Trabe. A pendente do muro de contención ten unha pendente moi superior ao establecido no proxecto. Para facelo, talaron a fila de árbores de ribeira da marxe dereita.

Ao ver o proxecto técnico compróbase que o proxectado non era unha pendente superior aos 45º tal como é a que se está a facer. Sendo así, o BNG-Asembleas Abertas de Culleredo entende que a autorización preceptiva do organismo autónomo Augas de Galiza, non valida esta obra, de aí que nos remitamos a ese organismo para que o comprobe.

Na obra orixinal o treito de carril bici que discorría por alí tíñase afundido de forma ben visíbel. Para Tono Chouciño, "é unha evidencia que a obra anterior xa fora unha chapuza, e parece que agora a obra que pretende reparalo volve ser outra".

Os documentos da licitación desta obra non están dispoñibles no perfil do contratante do Concello de Culleredo, unicamente o documento de formalización. Segundo nos contestaron no servizo de contratación non tiña porqué por tratarse dun procedemento negociado. O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo pedirá unha vez máis que se publicite o proxecto técnico, así como o resto da documentación para que todos poidan comprobalo.

O resultado de ser un procedemento negociado, dou lugar a que partindo dun orzamento de 160.000€, baixara só ate 141.000€, cando as adxudicacións por concurso adoitan baixar en maior medida. A obra acumula un notorio retraso, xa que a formalización foi a principios de Xaneiro cun prazo de execución de 42 días e a día de hoxe aínda non rematou.

Para Tono Chouciño, voceiro nacionalista, "chama a atención que esta obra coincida co desvío do carril bici que pasaba por alí, para dar a volta pola avenida de Ribados até a rotonda, cunha nova obra de elevado importe que curiosamente tamén se está demorando pois debería terse rematado a primeiros de setembro. Ao tempo ábrense novas interrogantes, como a de cal foi o verdadeiro motivo para cambiar o trazado do carril bici ou se se desafectou o uso dos terreos que ocupaba o anterior".